Un total de 70 persoas do Concello de Valdoviño da Área Sanitaria de Ferrol participan no proxecto Xenoma Galicia. Polo de agora, tal e como se indicou días atrás neste xornal, só se toman mostras a veciños deste concello de Ferrolterra.
Este proxecto é unha iniciativa que vai permitir avaliar o mapa xenómico de un de cada sete galegos, uns 400.000 residentes na comunidade autónoma de Galicia.
O pasado sábado comezaban as tomas de mostras de sangue a un total de 1.000 galegos dos 15 concellos que foron seleccionados nesta fase.
Na Área Sanitaria de Ferrol, acudían ao Complexo Hospitalario Universitario para unha toma de mostra de sangue un total de 35 persoas; e na xornada de onte facían o propio os restantes 35 individuos a participar no estudo. O proceso foi completamente aleatorio, convocando aos valdoviñeses a través da Tarxeta Sanitaria, de modo que algunhas persoas recibían un SMS coa pertinente invitación. O proxecto continuará coa toma dun milleiro de mostras de saliva.
O obxectivo, indican desde a Área, é recompilar o ADN de 400.000 galegos de 35 a 70 anos para identificar variantes xenéticas de alto risco, o que permitirá detectar enfermidades antes de que aparezan e ofrecer tratamentos individualizados. O proxecto Xenoma Galicia é unha iniciativa pioneira impulsada pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Sanidade, e co liderado científico do director da Fundación Pública de Medicina Xenómica, o doutor Ángel Carracedo.
Nesta primeira fase que se inicia estes días, buscaranse alteracións relacionadas co cancro de mama e ovario hereditarios, o síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ademais, Xenoma Galicia ten outros dous grandes obxectivos que pasan por crear un gran biobanco de datos xenómicos –con información relativa a unhas 100.000 persoas e que servirá para fornecer a investigación biosanitaria– e consolidar a comunidade galega como un polo de investigación e innovación neste eido.
Dende a Consellería de Sanidade, indican que cómpre destacar que a sanidade pública galega “xa leva camiño andado para estar á vangarda da medicina personalizada”, destacando a futura posta en marcha do centro de protonterapia en 2026 e o centro de terapias CAR-T que xa está operativo; así como na prevención, “ao ter o calendario vacinal máis completo do mundo, o cribado neonatal máis completo de España ou os programas de cribados de cancro como este no que se están a obter datos de persoas residentes no concello de Valdoviño.