As persoas interesadas en coñecer o sistema electoral estadounidense, e en concreto enfocándose na convocatoria deste 2024, teñen unha gran oportunidade estes días na Escola Oficial de Idiomas de Ferrol. Esta tarde de martes remata unha das propostas para o alumnado e o xoves realizarase unha mesa redonda sobre os resultados, que está aberta ao público xeral no salón de actos.
Esta iniciativa “é unha forma de achegar a cultura, ou máis ben a política estadounidense ao alumnado e ás persoas da zona para que entendan o sistema”, detallou Kerry Mc Kevitt, directora do centro. A profesional foi a encargada de estrear o luns a primeira das dúas sesións divulgativas, na que proporcionou unha idea xeral das eleccións, atendendo a algúns aspectos como o día da votación, quen pode participar ou as características do colexio electoral, entre outros.
A semana pasada abriuse para o alumnado o concurso “US Elections 2024 Contest”, cuxa data límite é este martes ás 20.00 horas. Nesta convocatoria, os participantes deben adiviñar cantos votos electorais obterán os candidatos e a porcentaxe do voto popular que conseguirá cada un. Así pois, a principal dificultade radica en que existen dúas vías polas que se pode gañar e perder.
“Estas actividades abren os ollos do alumnado porque ven como funciona o mundo nos Estados Unidos”, relatou a directora do centro, que xa impartiu algunha clase sobre este tema e o estudantado “quedouse abraiado porque pensou que o sistema funcionaba doutro xeito”.
Por este motivo, Kerry Mc Kevitt sinalou que fai catro anos xa convocaran unha proposta semellante dende a Escola Oficial de Idiomas, aínda que esta tivera que realizarse en liña. De feito, “normalmente intentamos facer algo en conexión coas eleccións para falar un pouquiño da cultura e da política estadounidense para o alumnado de inglés e tamén para o resto, se ten interese”, manifestou a responsable.
Segundo continuou explicando Mc Kevitt, existe un gran número de diferenzas entre ambos métodos de elección, que non se adoitan tratar nos medios de comunicación nin por outras vías. Neste sentido, a directora non deu conta soamente de que existe un voto popular, sobre o que despois inflúe a decisión do colexio electoral, senón que tamén sinalou a “importancia dos estados bisagra” para o resultado.
O xoves, de 19.00 a 20.00 horas, o salón de actos da Escola de Idiomas acollerá a conversa “What just happened?”, na que se tocarán algúns temas legais como por exemplo, en referencia ás votacións dende o estranxeiro. A mesa redonda realizarase “con catro auxiliares de conversa da zona sobre os resultados do martes, no caso de termos toda a información”, advertiu Kerry Mc Kevitt, que será a moderadora. Ademais, participarán Alex Campbell, Annika Terry, Regina Bonfiglio e Sarina Dorazio.