Neste Martes de Entroido, que constitúe desde hai varias edicións nunha xornada de merecido descanso despois da intensa celebración que tivo lugar onte polas rúas da cidade, que se encheu de cor e bo humor co popular desfile das comparsas e posterior gala, así como coa participación do público, unha parte esencial para este encontro.
Entre os integrantes que subiron ao podio do certame, que tivo lugar onte na praza de Armas, destaca a orixe naronesa, comezando xa co primeiro posto que obtivo a comparsa As Xoaniñas de Chao. Aínda que a segunda posición foi para a Asociación Andaina A Canteira do Puntal, procedente do concello de Neda, a terceira recaeu en Tróupele Tróupele, do municipio de Narón.
Os premios en metálico que repartiu onte o Concello de Ferrol entre as comparsas corresponderon ás cantidades de 700 euros, no caso da primeira posición; 690 euros, na segunda; e 680, na terceira, que en todos os casos foron acompañados dun diploma acreditativo. Ademais, os participantes que non alcanzaran ningún premio específico tiveron dereito a un accésit de 670 euros para as agrupacións de maior tamaño, 250 para os grupos, 60 para as parellas e 40 euros para as persoas que se inscribiran de xeito individual.
O xurado encargado da valoración estivo composto polo concelleiro de Xuventude e Festas, Arán López, como presidente, así como un representante de cada grupo municipal. Este equipo tomou a decisión atendendo a criterios como a orixinalidade, que debía ter un tema común. Así mesmo, o resultado realizouse avaliando a complexidade e dificultade na elaboración dos traxes e o vistosos que foran, ademais de atender á visión de conxunto.
Nesta edición, o público asistente puido ver no desfile, e posteriormente sobre o escenario localizado na praza de Armas, un total de 15 comparsas, o número máximo, procedentes de Ferrol, Narón, Neda e Cambre. Estas foron Os Colludos da ASCM, Anpa Belén, Colectivo sociocultural A Revolta de Trasancos, Patronato Concepción Arenal, Oje Ferrol, Sociedade cultural Areosa-Os Parrandolos, Asociación Tróupele Tróupele, Asociación comparsa Os Argalleiros, As Xoaniñas de Chao, Semente Trasancos, Asociación Andaina A Canteira do Puntal, Asociación juvenil Paso a Paso, Escudería Scratch, Fene Baila SD e Troula seguido.
Na categoría de grupos, que debían constar dun mínimo de oito persoas, participaron As Beibis, Os Festeiros, Forever, Chirigota gaditana Los últimos del camino e As Caralletas. Ademais, presentáronse tres parellas e un único candidato individual.
O Entroido ferrolán continúa este venres, coma é habitual, no barrio de Ultramar. A primeira cita do día, que terá lugar na rúa Perú, de 17.00 a 19.00 horas, será outra festa infantil temática, nesta ocasión centrada no bosque. No encontro haberá animación musical con Cantabaila, un taller de maquillaxe e unha fada, que realizará un percorrido pola zona facendo globoflexia. Ademais, do mesmo xeito que ocorreu no primeiro encontro infantil que estreou o programa, nesta ocasión tamén se repartirán lambetadas, concretamente 150 conos, e haberá un fotógrafo para capturar o momento.
Ás 20.15 está previsto que comece o pasarrúas por Ultramar, ao que seguirán as actuacións do festival de comparsas. Para rematar, arredor das 23.00 horas, a praza de Ultramar vestirá de loito polo Enterro da Sardiña, que tradicionalmente serve de acto de despedida do Entroido local.