The teacher, por Suso Basterrechea | Entre o ceo e a terra

The teacher, por Suso Basterrechea | Entre o ceo e a terra
Monumento aos Caídos en África | Jorge Meis

Dende finais do século pasado vénse producindo no estudo da historia da humanidade en xeral e, por suposto, na da arte en particular o que se chama unha revisión poscolonial da mesma. É dicir, cuestiónanse lecturas que manteñen unicamente a centralidade de Europa no protagonismo do acontecido no mundo e dáselle máis espazo á visión daqueles pobos que foron explotados polos países do vello continente.


Esta tendencia hai tempo que chegou aos museos e ao ámbito da cultura, o que xera un duro debate que en ocasións alcanza a esfera política. Superar este marco adoita asociarse desde sectores conservadores no noso Estado a unha agresión contra un pasado “glorioso”, unha tradición inspirada na “Lenda Negra”.

 

Descoñecen seguramente que corresponde a acordos internacionais e que mesmo levou a países como Francia ou Alemaña a devolver importantes pezas artísticas pertencentes ás súas antigas colonias. 


Pero non se trata só do espolio de séculos, tamén da visión subordinada que se promoveu acerca dos logros culturais que alcanzaron outras civilizacións. Neste contexto establécense novos diálogos en exposicións temporais e permanentes, como é obvio, algúns moi duros e incómodos. Tamén se poñen en corentena algunhas obras que son o reflexo de formas de proceder abondo cuestionables cando non directamente de exaltación de situacións deplorables que provocan unha deformación monstrosa de acontecementos pasados.

 

“Non se trata só do espolio de séculos, tamén da visión subordinada que se promoveu acerca dos logros culturais que alcanzaron outras civilizacións”


Ultimamente no meu entorno suscitouse certo interese en aplicar esta óptica no eido da nosa cidade. O certo é que Ferrol, como a coñecemos hoxe en día, sería impensable sen a necesidade de manter uns estaleiros e unha Armada apropiadas para a potencia colonial que fomos. As nosas rúas e prazas están por tanto cheas de referencias a tal condición. Eu non teño capacidade para realizar un estudo profundo do tema, mais si hei referirme a dous monumentos moi presentes no noso día a día. Abordan ademais o asunto dende ópticas complementarias, a militar e a económica.


O “Monumento a los caídos en África” atópase na praza de Galicia, entre a Porta do Dique do Arsenal e o teatro Jofre. Aínda que a idea xurdiu en 1927, promocionada pola dirección do Casino, que organizou un “crowdfunding” da época, inaugurouse finalmente en 1949 en plena ditadura. Unha columna duns quince metros remata nunha “Vitoria” de cinco, obra do grande escultor Francisco Asorey. Malia o seu aspecto, non se refire á imaxinería cristiá, é de tradición grega e representa unha “Nike” (orixe do nome da coñecida marca deportiva), deusa con ás que nunha man porta unha coroa de loureiro ou unha palma e que na cultura clásica simbolizaba o triunfo militar ou deportivo.

 

“A escultura de Ramón Plá y Monge é obra de Eugenio Duque, artista moi esquecido nos nosos días que foi escultor de cámara deo rei Amadeo 

 

 O bronce fundiuse en Bazán, utilizando de materia prima canóns procedentes das campañas africanas. Existen fotografías ben curiosas do proceso e o resultado é de gran calidade, aínda que, sendo sincero, a min resúltame un pouco ríxida na súa pose. Na base figuran catro relevos, vistas panorámicas de Ceuta, Melilla, Alhucemas e El Biutz. Estas placas son obra de Víctor Gutiérrez Jiménez, mentres que Sabino Rico Díaz se encargou da metopa coa dedicatoria aos ferroláns mortos nesa guerra. 


É importante sinalar que o recrutamiento deste conflito realizouse fundamentalmente entre as clases máis humildes, xa que era posible evitalo mediante o pagamento dunha cantidade económica, o que deu lugar a revoltas populares en distintos lugares de España. Pola súa gravidade, a “Semana Tráxica” de Barcelona é a máis coñecida: a súa represión foi terrible. 


Enlazando con isto, o marqués de Amboage dedicou parte da súa enorme fortuna a axudar a xente pobre da cidade. Grazas a eses cartos os mozos ferroláns de condición humilde evitaron durante un tempo o servizo militar e participar noutro masacre colonial, o que tivo lugar en Cuba. É precisamente nese país onde Ramón Plá y Monge se fixo rico ao longo do século XIX. 

 

Marques amboage
Marqués de Amboage


Moito se ten discutido arredor da natureza dos seus negocios e certa mala sona acompaña a súa figura altruísta. Os estudosos do asunto parecen indicar que o marqués non participou do comercio de escravos, mesmo acusan ao seu irmán, dono dunha plantación de café, dos negocios familiares. Pero o que é absolutamente certo é que o contexto do seu desenvolvemento económico se dá no último lugar de todo o continente americano onde se mantivo a escravitude de forma legal, ata 1886.


A escultura que preside a praza que leva o seu nome inaugúrase en 1896 e é resultado dun concurso de proxectos. O gañador é Eugenio Duque, artista académico moi esquecido nos nosos días pero que chegou a ser escultor de cámara do rei Amadeo I. Como dato curioso podemos indicar que a obra xerou certa controversia, xa que o marqués aparece apoiado sobre uns libros de contabilidade e unha caixa forte con candado: a verdade é que o diñeiro é bo para case todo, pero parece pouco digno para un monumento público.
E é así como nos movemos, entre o ceo e a terra

The teacher, por Suso Basterrechea | Entre o ceo e a terra

Te puede interesar