'The Teacher', por Suso Basterrechea | Segura Torrella

'The Teacher', por Suso Basterrechea | Segura Torrella
Busto de Segura Torrella

O vindeiro ano cúmprese o vinte e cinco aniversario do pasamento de Ricardo Segura Torrella e existe o compromiso do Concello, expresado explicitamente polo seu responsable de Cultura, José Antonio Ponte Far, de homenaxear ao artista como corresponde.


Un cuarto de século é suficiente tempo para termos unha mellor visión de conxunto. Porque a Segura sempre lle faltou contexto. No mundo da arte, como sucede coas cafetarías, os mesóns ou os pubs, verse rodeado de competencia semella nun primeiro momento un factor de risco, mais o certo é que así se crean zonas de lecer ou escolas artísticas onde o conxunto dos implicados fai mellor negocio ou destacan nunha historia que tende a marxinar as figuras illadas.


Se fose certo que existe iso que chaman “Escuela Ferrolana de Pintura”, eu non o creo, o noso pintor desde logo non sería parte dela. Xa o seu mestre, Bello Piñeiro, dicíalle na súa mocidade: “Vostede ten unha pintura forte, mesmo demasiado forte para Ferrol”. Porque, con matices, podemos definir en esencia a Segura Torrella como un artista expresionista. O seu debuxo forte e a súa violenta cor así nolo presentan e, malia a súa temática, bastante próxima á terra, tampouco é doado situalo na contorna galega. Moitos dos seus compañeiros de xeración, os máis recoñecidos e celebrados nos anos 80 co retorno da pintura a un lugar predominante dentro da arte, atoparon a súa inspiración en formas románicas ou imaxes ancestrais vencelladas ao país, mentres que Ricardo sempre buscou os seus referentes nun espazo máis internacional.
O Ricardo mozo viaxou e niso que gustamos definir como bohemia fixo amizade con importantes artistas e escritores. Este último eido, o da literatura, tivo especial influencia na súa obra, nomeadamente nos últimos anos da súa carreira. 


Nun primeiro momento de madurez viuse influído polos cadros de Daniel Vázquez Díaz, pintor onubense moi recoñecido pola súa obra figurativa pero con claras influencias xeométricas do cubismo. Nese intre Segura xa mostraba formas rotundas e de gran contundencia cromática. Posteriormente coñeceu –naquel tempo non era tan doado como agora manter unha visión global– o expresionismo como vangarda histórica e, aínda que o movemento semellamaba cousa de alemáns, Segura sempre mostrou devoción polo austríaco Oskar Kokoschka, discípulo salvaxe de Klimt. 


Curiosamente nunca o escoitei referirse á “Escola de Londres”, ese grupo marabilloso de artistas como Bacon, Freud o a recentemente falecida Paula Rego que mantiveron a contracorrente unha obra figurativa, co ser humano como protagonista e forte carga de dor existencial nun momento no que a abstracción, a arte pop ou directamente a morte da pintura en favor doutras formas de expresión eran a tendencia mundial. Sempre pensei que Segura cos seus poderosos espidos dos 70 tería atopado un estupendo acomodo na capital inglesa e que seguramente estariamos falando hoxe dunha figura de moito maior impacto plástico en ámbitos moito máis extensos.


Como xa comentei, a influencia da literatura volveuse moi obvia no seu traballo co paso do tempo. Sentiu especial devoción por Álvaro Cunqueiro e os seus cadros enchéronse diso que gusta de definirse como realismo máxico. Co seu extraordinario debuxo era doado para Torrella mesturar elementos dentro do cadro creando mundos onde o cotián se relacionaba con elementos oníricos. O noso artista sempre foi ambicioso na súa plástica e podemos atopar o mellor del nos grandes formatos e nas súas temáticas máis elaboradas


Quédame pouco espazo, pero gustaríame facer xustiza a Ricardo como mestre. “Un día matarasme e moito tempo despois lembrarasme”, díxome cando eu era pouco máis ca un neno. E así foi. Ricardo era un extraordinario profesor porque ensinaba a vivir a arte con amor e paixón, xeneroso co seu tempo e a súa obra, pero tamén moi perigoso: é moi difícil fuxir da influencia da súa poderosa personalidade creativa.
Eu quero a Segura. Ese amor leva implicando que durante moitos anos revise o seu traballo da forma máis obxectiva posible, fuxindo de “devocións” baleiras que tanto dano tamén fan á súa figura.


Outro día falaremos do seu papel como traballador municipal e a súa posición precursora, que tantos disgustos lle deu, de impulsor dunha pinacoteca co mellor da nosa arte. Vinte e cinco anos… Como pasa o tempo!. 

'The Teacher', por Suso Basterrechea | Segura Torrella

Te puede interesar