A unidade de Coidados Paliativos do CHUF incorpora a videochamada ás consultas

A unidade de Coidados Paliativos do CHUF incorpora a videochamada ás consultas
Varias profesionais do servizo probando o novo sistema |ASF

A Unidade de Coidados Paliativos no Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol esta a empregar a videochamada na súa consulta, tras un mes de proba; e xa ten asignado un día na súas axendas para esta nova modalidade de atención, “trala boa aceptación dos nosos pacientes”, indica o responsable desta Unidade o facultativo, Marcelino Mosquera Pena. “É unha innovación na Área, xa que somos os primeiros en iniciala con Ianus 5 (nova versión da Historia Clínica Electrónica do sistema sanitario público galego), e en toda Galicia”, subliña este profesional. 

 

Este xeito de traballar a través da videochamada, explica este profesional, “ofrece numerosas vantaxes tanto aos pacientes como a nós”. Una delas é a accesibilidade, xa que permite aos pacientes con mobilidade reducida ou que viven lonxe do hospital acceder á consulta sen se trasladar, sobre todos aqueles de zonas rurais ou con dificultades de transporte. Outra das melloras que implica é a potenciación da continuidade dos coidados, xa que axuda a manter un seguimento regular sen ter o paciente que asistir fisicamente, pero pudendo ver en paralelo o estado do mesmo a través da cámara, aspecto que a chamada simple non permite. Este profesional reseña unha cuestión clave para o perfil do paciente desta Unidade, e é a comodidade para o mesmo, porque lles permite recibir atención desde o seu fogar, nunha contorna familiar e cómoda. De xeito paralelo, matiza este profesional, diminúe o estrés asociado ao desprazamento e espera neste tipo de pacientes.

 

 Outra das cuestións a ter en conta é o apoio aos coidadores, xa que facilita a participación dos mesmos na consulta a través do móbil, e “ofrecemos educación e orientación directa aos coidadores en tempo real”.

 

 Por último, incluír tamén entre as vantaxes a flexibilidade, xa que permite a integración doutras ferramentas dixitais como o Telepalia, en cuxo desenvolvemento, e tras varios premios, está inmersa esta Unidade de Coidados Paliativos. 

 

 

Plataforma de Telepalia 

 

Lembrar que esta Unidade está a establecer unha plataforma, Telepalia, de telemonitorización dos e das pacientes atendidas na Unidade de Coidados Paliativos do CHUF, aproveitando as ferramentas que ten desenvolvidas Galicia como son Telea, plataforma de monitorización de pacientes do Sergas, e a mencionada avanzada versión Ianus 5 da Historia Clínica Electrónica.

 

 

Como dicía o seu responsable cando se premiou este proxecto, “aproveitar que somos número un nese eido”. Na actualidade, estase xa a inxerir a medio centenar de pacientes para o seu seguimento a través de Telepalia. 

 

Este proxecto implica facer un cribado de pacientes con necesidades de atención paliativa; categorizalos cun plan individualizado para cada un deles; detectar as posibles crises clínicas que se produzan fóra da súa visita física de control ó centro; priorizar as súas demandas; e, relacionado con todo o dito, realizar unha procura proactiva de pacientes fráxiles. 

 

Estas cuestións que xa se fan de xeito presencial, faranse agora tamén a través da tecnoloxía e a telemedicina, de xeito máis intenso e continuado. Amplíase coa tecnoloxía a visita física habitual de control; e os e as pacientes poderán tamén intercambiar mensaxes, chamadas ou videoconferencias cos profesionais desta Unidade, como esta videochamada, por exemplo, que xa é unha realidade.

A unidade de Coidados Paliativos do CHUF incorpora a videochamada ás consultas

Te puede interesar