Houbo unha vez un rapaz do barrio de Eirís, na Coruña, que decidiu que se ía adicar a arquitectura técnica. Así, comezou os seus estudos na Universidade da súa cidade, entregado á profesión que parecía ser o seu futuro. Mais ás veces a vida é caprichosa e por moito que un teña as ideas claras, as tornas cambian dun día para outro. Así foi como Xabier Díaz deu un xiro e pasou dos planos aos ritmos, deixou A Zapateira polos escenarios. Tiña 19 anos cando a afición que tiña pasou a ser a súa forma de vida.
A día de hoxe, despois de varios discos e tres décadas adicadas á cuarta arte, o balance “é marabilloso”. “A miña sorte e a miña fortuna é poder adicarme a isto”, asegura.
O seu traballo, como el mismo comenta, “é unha mestura entre viaxar no tempo a outra época da historia de Galicia e gozar dunha festa. Una foliada do 1920, pero co ánimo de escoitala con orellas de alguén do século XXI”.
Esta travesía poderase gozar en Narón este sábado 28, pois as táboas do Pazo da Cultura están listas para que o “pandereteiro feliz” –como o nomeou un xornalista despois dunha actuación en Madrid– conecte co público. Esta non é a primeira vez que o músico conquista este escenario e asegura que “todos os concertos en Narón durante todos estes anos foron realmente bonitos”, comenta, xa que “a xente mostrou moito cariño”.
Desta volta o músico garda algún ás na manga xa que, ademáis de presentar o disco que editou este ano “Axudame a sentir”, avanza que “teño a sensación de que esta vez vai ser un concerto especialmente emocional e emocionante. Vanse dar certas circunstancias e sorpresas que o van a convertir en algo excepcional”.
Para que isto funcione, o traballo do día a día cobra suma importancia, ao igual que o equipo que segue a este músico que, se considera, “un pouco atípico”.
A orde ou as rutinas de estudo son elementos esenciais para el, que tamén leva ao seu equipo, xa que unha peza fundamental é “facer todo de xeito coral, colectivo e colaborativo”.
A pesar de que hai casos nos que hai quen funciona ben en solitario, o coruñés asume que nesta etapa da súa vida “necesito que a música que estou facendo se vaia desenvolvendo dende unha perspectiva común. A idea que quero –os ritmos que se facían nos rueiros das aldeas no século pasado pero traída a este tempo– precisa do traballo coa xente”.
En relación co panorama musical galego, ten claro que é “un arco da vella marabilloso”. “É un momento de extraordinario de rexurdimento e celebración colectiva que permite ver como a xente máis nova abrazou esta música para levar a cabo o seu discurso”, expón.
Ao mesmo tempo, confesa que está “moi feliz de que os mozos e mozas abracen a nosa identidade e metan as mans na terra. Isto da un novo episodio, outro capítulo que é unha fortuna”.
O escenario naronés será a antesala para actuacións a nivel internacional que ten programadas o artista, como a cita en Gante co Vonk Festival. Isto no é máis que una mostra do potencial que ten a música do país que está a crecer, o que supón “gañar público e prestixio para a música tradicional e popular”, expón o artista.
“A nosa casa é un torreiro e tamén a platea dun teatro ou as mesas dunha baiuca”, expón, mais esta vez serán as butacas do Padroado os asentos en primeira clase dunha viaxe sen igual.
“Axúdame a sentir dicíame Obdulia con frecuencia, a miña avoa materna. Foi unha de tantas catedráticas sen título nesa célebre universidade da vida”, así é como se presenta o espectáculo que levará a tarde deste sábado 28, ás 20.00 horas, Xabier Díaz ao Pazo da Cultura de Narón.
As entradas están disponibles na web do Padroado para unha experiencia que promete ser “algo único e irrepetible: extínguese ao pechar o pano, mais á súa vez, é unha chama que prende e segue quentando o noso peito durante moito tempo”, comenta o artista.