O “Festival 110 anos cantando” celébrase esta tarde, a partir das 20.00 horas, motivado polo aniversario do Real Coro Toxos e Froles, polo que se desenvolverá no seu centro social con entrada de balde até completar o aforo. Este encontro contará co protagonismo das cantareiras, tanto polas agrupacións que poñerán a nota musical como pola intervención que realizará un dos convidados, o presidente da Real Academia Galega –RAG–, Víctor Freixanes.
Os estatutos da asociación asináronse o 20 de xaneiro de 1915 co obxectivo que aínda manteñen a día de hoxe, 110 anos despois, de manter viva a música popular galega, amais doutros trazos da cultura propia como o vestiario tradicional, que empregan as distintas seccións do Toxos.
Por outro lado, e confluíndo ao mesmo tempo coa entidade e o seu festival, o termo ‘cantareira’ foi elixida por votación popular Palabra do Ano 2024. Xa para este 2025, o concepto designa as protagonistas das Letras Galegas, polo que se rende homenaxe a mulleres que cantan e crean cantigas, contribuíndo a evolución e conservación dunha parte esencial do patrimonio.
Sobre esta dedicación falará Víctor Freixanes, en representación da RAG, cuxo pleno decidiu este ano poñer o foco na poesía popular que tradicionalmente foi transmitida por voces femininas, habitualmente con instrumentos como os que tocan as pandereteiras do Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina, tamén convidadas ao aniversario.
Así pois, no primeiro andar da sede do Toxos e Froles actuará a pioneira formación. Esta foi a primeira agrupación desta clase que se fundou en Galicia, en 1982, e actualmente o seu colectivo de canto e percusión tradicionais está dirixido por Ana Edreira.
Como non podía ser doutro xeito, as cantareiras de Gradaílle do Toxos, que contan con Maite López Blanco na dirección, tamén forman parte do cartel. Trátase dunha sección que se estreou hai máis de 30 anos como acompañamento do grupo de baile, unha función que continúan desempeñando actualmente, pero ademais ofrecen os seus concertos por separado.
En consonancia co carácter colectivo da entidade e da homenaxe insólita das Letras Galegas deste ano, os dous acontecementos celébranse conxuntamente para conmemorar un sentir e uns obxectivos en común a favor da cultura tradicional