O labor precursor do Toxos e Froles cumpre 110 anos na defensa da cultura tradicional galega

Os estatutos fundacionais da entidade, que hoxe se enfronta a novos retos, foron asinados en xaneiro
O labor precursor do Toxos e Froles cumpre 110 anos na defensa da cultura tradicional galega
Unha das actuacións polo 109 aniversario, que o ano pasado tivo lugar no mes de xuño | JORGE MEIS

As cantareiras e a poesía popular oral serán o centro das Letras Galegas de 2025, un acontecemento a celebrar por entidades precursoras na preservación da cultura propia como o Real Coro Toxos e Froles, que neste ano no que estamos a piques de entrar conmemora o seu 110 aniversario. O primeiro acto público que renderá homenaxe a estes dous fitos realizarase o sábado 25 de xaneiro,  con so cinco días de diferenza da data de publicación e aprobación dos estatutos fundacionais.


Trátase dun evento que contará coa participación do presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, ademais das cantareiras do Toxos e de Xacarandaina, unha agrupación convidada por ser pioneira en integrar un grupo desta índole. Con estes protagonistas, a xornada servirá para poñer o foco tanto nas Pandeireteiras de Mens que motivaron a elección para estas Letras como para festexar a traxectoria da asociación ferrolá.


“É máis importante a entidade en si mesma, o que ten feito e a súa historia que a xente que hoxe estamos aquí”, sinalou Arturo Lamas Braña, presidente do Real Coro Toxos e Froles dende o ano 2010. Do mesmo xeito que os habitantes dunha casa antiga son axentes transformadores das súas memorias, as persoas que actualmente dedican o seu tempo forman parte dun proxecto de longo percorrido que se cohesiona co obxectivo de manter viva a música tradicional.


A clave que achega o responsable sobre como esta idea precursora chega ao seu 110 aniversario reside nas súas orixes. En principio, redactáronse uns estatutos nos que a xente quixo implicarse até obter os seus primeiros froitos: a actuación inaugural do 29 de maio de 1915.


Este concerto rememórase anualmente co festival que se celebra arredor desa data no teatro Jofre. Para esta ocasión está prevista unha sesión colectiva, darredor dunha hora de duración, xa que “estamos preparando un espectáculo no que participarán todas as seccións de baile, coro, cantareiras e banda”, advertiu Lamas, que dende hai dous meses traballa, xunto a outros integrantes, en tarefas como a selección do repertorio e a concepción do texto cun fío condutor.


Actualidade 

“Collímola xente do Toxos case por necesidade, porque quedou unha entidade totalmente destrozada: so quedaba o coro, cunha débeda de más de 200.000 euros”, relatou o presidente sobre a situación que vivía a asociación hai arredor de quince anos.

 

Non obstante, Arturo Lamas considera que xa existe “unha entidade realmente viva” e valora especialmente o traballo realizado por “moitísima xente que se implicou de xeito altruísta para dar as clases”. A día de hoxe son 300 os socios do Toxos e Froles, que colaboran nos gastos coa súa achega de catro euros ao mes, e arredor de 280 os inscritos nas Escolas, totalmente de balde, que ensinan disciplinas da música, o baile e o canto tradicionais.

 

A oferta actual inclúe un coro, con 35 integrantes; un grupo de cantareiras, con 10; de baile, con 12, e a banda de gaitas, que conta con arredor de 25 persoas. Entre estes colectivos, na actuación do maio de 2023 subiron ao escenario 80 participantes.


Para traballar no mantemento  da propia entidade, o directivo deu conta da necesidade de “buscar novas formas de presentar a música tradicional enriba dun escenario”, dada a imparable evolución das modas e as preferencias e, sobre todo, sendo conscientes da forte desconexión con elementos que abandeiran como a lingua e o traxe galego. “Antes gustaban as formacións folk grandes, como podía ser Milladoiro, e hoxe gustan máis as cantareiras”, exemplificou.


Tal como explicou Lamas, o Toxos e Froles evoluíu desde as súas orixes en aspectos como o baile e a vestimenta, mentres que o repertorio sufriu variacións menores, posto que continúan interpretando cantigas coma os alalás ou obras do século XIX.


Futuro

O presidente da entidade, que se atopa inmerso nela no seu día a día, non se adianta aos acontecementos porque admite descoñecelos. Aínda así, observa que “hai un oco preocupante da xente entre os 14 e os 30 anos” que non se achega a ningunha das disciplinas, polo que se trata dun rango de idade no que falta participación. Ademais, a isto súmase o feito de que “nesta inmediatez que vivimos, é moito máis cómodo non seguir formándose”, en referencia á pertinencia dunha aprendizaxe continua.


O Toxos é un ben da cidade e de Galiza e creo que debería estar moitísimo máis coidado polas institucións”, considerou Lamas, xa sen facer referencia aos recursos económicos, senón aos valores que representa. En relación con isto, continuou argumentando que esta entidade ten detrás unha historia de relevancia para toda a Comunidade, sen limitarse ao seu labor precursor na defensa da cultura tradicional. “Que hoxe teñamos o himno, a bandeira e o escudo que temos ten moitísimo que ver porque somos a primeira institución que a usa”, declarou.

 

Esta é unha das catro agrupacións folclóricas que se formaron antes da guerra e aínda viven

O Real Coro Toxos e Froles xurdiu un ano antes que as Irmandades da Fala e segundo explicou o presidente da entidade, o grupo galeguista tomouno como modelo para a fundación doutras agrupacións folclóricas. Así mesmo, o vínculo achado entre a nosa lingua e a portuguesa motivou o futuro irmanamento entre as cidades de Ferrol e Vila do Conde.


“Todos nos parecemos”, declarou Arturo Lamas sobre os catro grupos que se fundaron antes da Guerra Civil, que siguen activos, e que comparten o feito de contar cun coro, cun grupo de baile e ter practicado teatro, sempre en galego.


A primeira vez que Rancho da Praça Rendilheiras de Vila do Conde veu actuar foi nas festas do verán de 1935, un ano antes do conflito nacional que suspendeu a relación até 1958, cando é o Toxos o que se despraza a Portugal. Esa viaxe trouxo de volta o recordo daquela primeira toma de contacto e en 1973, por iniciativa do Real Coro, consolídase o irmanamento.


Segundo Lamas, o vínculo trascende o folclore e a lingua, xa que as cidades comparten rasgos coma os asteleiros ou o Camiño. As rúas Vila do Conde en Caranza, e Ferrol, no territorio luso, así como as localizacións que se identifican cos nomes dos grupos, dan conta da potencialidade de expandir as relacións. 

O labor precursor do Toxos e Froles cumpre 110 anos na defensa da cultura tradicional galega

Te puede interesar