“Doce voz de Megafonía” (Edicións Xerais) é o noveno libro de Xesús Constela –Ferrol, 1963–, quen se dera a coñecer hai pouco máis de dúas décadas ao gañar o prestixioso Premio Torrente Ballester co inesquecible “As humanas proporcións”. Malia o paso do tempo, é nesta mada de relatos co que irrompeu no panorama literario galego onde está, curiosamente, a orixe desta última entrega. “Había unha peza, titulada ‘Tiñádelo que ver’ que se desenvolvía nun centro comercial, cun supremo alcalde maior e no que pasaban unhas cousas moi estrañas. Era unha crítica á sociedade de consumo”, lembra.
Constela retomou ese espazo para compoñer o último texto publicado. “Este centro comercial é diferente, porque vive xente dentro, e nun momento determinado, o supremo alcalde maior, sen previo aviso, anuncia pola omnipresente e omnisciente megafonía que se van suspender todas as actividades por mor dun virus de orixe descoñecida”, di. A partir de aí desenvólvese unha trama que aborda temas universais como a liberdade, a autoridade e a solidariedade.
O xermolo da historia está naquel relato, mais o lector retrotraerase inevitablemente ao acontecido hai cinco anos, en marzo de 2020. “Si, foi na pandemia cando decidín recuperar esa idea que xa estaba”, explica, naquela obra iniciática.
“Hai cinco anos todos diciamos o mesmo. Parecíanos incrible que estivésemos vivindo algo así”, sinala Constela, quen, aínda que en ningún momento do libro menciona nin tan sequera a palabra coronavirus ou covid, “quixen reflectir un pouco todas as sensacións que tivemos cando estabamos pechados en casa, e todos eses bulos que circulaban”.
Constela profundiza na fórmula de escrita suxestiva que define a súa traxectoria. “Creo que ‘As humanas proporcións’ marcou unha liña a seguir e, aínda que nestes anos pasaron máis cousas e probei outros camiños, nunca abandonei esa idea de xogar coa realidade e a ficción, con ámbalas dúas. Gústame porque nela estou cómodo tamén”.
Constela vive agora unha nova etapa. Recén xubilado, pode dedicarlle agora todo o tempo do mundo a viaxar e a escribir. “Teño que admitir que a faceta creativa nunca me fallou e non sei o que é sentar diante dunha páxina en branco e non saber que facer, pero si que botei de menos ter máis tempo para iso, aínda que seguín viaxando e escribindo. Agora si podo ter unha disciplina para contar historias, que é a miña paixón”.
Botando a ollada atrás ata aquel ano 2004, o escritor ferrolán radicado en Poio recoñece non laiarse de non ter comezado antes a escribir, cando menos para o público. “Non, antes daquela primera obra houbo outras cousas que foron moi interesantes e moi gratificantes”, explica, se ben aínda lembra “o inmenso pracer de ver ‘As humanas proporcións’ publicado foi unha sensación marabillosa. Débolle a el todo o que veu despois”.