O coñecido como caso Desproi segue en vía xudicial e, despois de que a maxistrada compostelá Ana López-Suevos, titular do Xulgado de Instrución número 1 da capital galega, abrise dilixencias por mor dunha denuncia presentada polo PP en abril de 2023, prestou declaración como investigado ao exconcelleiro socialista José Manuel Pichel.
Pichel foi citado como investigado despois de que, o pasado mes de novembro, comparecesen en calidade de testemuñas o secretario xeral do Concello, José Manuel G. G., e ao anterior interventor municipal, Juan Ramón G. C. Previamente, en agosto, transcendera que o fiscal Antonio Roma instaba a declaración de ambos nun escrito no que analizaba a documentación subscrita por ambos nos seus respectivos cargos.
E é que o caso Desproi pon no foco a xestión local baixo o mandato do agora senador Xosé Sánchez Bugallo e custou a dimisión, a principios de 2023, de José Manuel Pichel, despois de transcender que alugou unha nave industrial para o seu departamento a unha empresa á que estivera vencellado.
En concreto, os feitos denunciados consisten na adxudicación dun contrato de alugueiro que se tramitou por razóns de urxencia a favor de Desproi Promocións S.L. por parte da xunta de goberno local en setembro de 2021, cando gobernaba Bugallo. O obxectivo da causa é determinar se a adxudicación fíxose de forma interesada e sen axustarse ás normas que rexen a contratación pública.
A dimisión de Pichel non bastou para resolver o caso, que acabou no xulgado da man do PP, que se mantén como acusación particular. Após o paso da Fiscalía instando a declaración de dous funcionarios municipais, o goberno local, que agora dirixe a nacionalista Goretti Sanmartín, decidiu acudir.