Miles de persoas marcharon este domingo en Santiago de Compostela para demandar máis recursos para que a sanidade pública galega teña a calidade que merecen os pacientes.
Manuel Martín, portavoz da plataforma que promoveu a manifestación, SOS Sanidade Pública, afirmou que a resposta social reflicte “o malestar e rexeitamento da poboación á situación da sanidade pública” por unha “Atención Primaria (AP) desmantelada, inaccesible e con tempos de espera superiores a unha media de sete días”, así como unha atención hospitalaria que “non funciona como debe”.
Baixo o lema ‘Máis Atención Primaria, máis atención hospitalaria, máis sanidade pública’, a marcha transcorreu entre a Alameda e a praza do Obradoiro e os asistentes corearon consignas para expresar o seu rexeitamento ás privatizacións, pedir “máis recursos e menos discursos”, demandar máis persoal nos centros de saúde e non dar “nin un paso atrás” nas súas reivindicacións.
Ante a Catedral de Santiago procederon á lectura dun comunicado no que trasladaron que “unha vez máis o pobo galego” respondeu ao seu chamamento para “manifestar masivamente o rexeitamento á política de recortes, deterioración e desmantelamento” do Sistema Sanitario Público de Galicia.
“Miles de persoas estamos concentradas aquí para reivindicar os tres piares básicos” dese sistema, indicaron en referencia á AP, “que debería ser a base e o eixo”; a atención hospitalaria, como “garantía da atención aos problemas máis graves de saúde”, e a sanidade pública, como “conxunto de recursos para garantir o dereito a saúde de toda a poboación”.
En AP esixiron centros de saúde con persoal suficiente de todas as categorías, ben equipados, accesibles en 24-48 horas como máximo e con consultas presenciais a solicitude do paciente, así como puntos de atención continuada (PAC) “coa dotación de persoal e os recursos diagnósticos necesarios para garantir a atención ás urxencias fóra do horario dos ambulatorios”.
Reclamaron como “necesario e urxente reorientar a AP cara a un modelo que participe na promoción da saúde, a prevención da enfermidade, o traballo comunitario e a participación social”.
Garantir a presenza de especialistas de pediatría nos centros de saúde e reforzar a capacidade da AP para dar resposta aos problemas de saúde mental, coa presenza da psicoloxía clínica nos centros de saúde, foron outras das súas demandas.
Sobre a atención hospitalaria, denunciaron “a situación de precariedade nos hospitais públicos, con cadros de persoal insuficientes para atender con calidade aos pacientes” e sen capacidade para utilizar o 100% dos recursos tecnolóxicos públicos “por non ter persoal para utilizalos”.
Tamén reclamaron “a recuperación das áreas sanitarias perdidas e os recortes nos hospitais comarcais”, así como a restitución “ao sistema público dos centros privatizados e finalizar coa precariedade laboral”.
Criticaron que “mentres se debilitan os recursos públicos, desde a Consellería increméntase a derivación de pacientes á sanidade privada e esixiron o incremento do orzamento sanitario publico coa elaboración dun Plan Galego de Saúde que sexa participativo.