As taxas de criminalide do Concello de Mugardos dan conta dos bos indicadores do municipio. De feito, esas taxas son das máis baixas de provincia, e moi por debaixo daprovincial, autonómica e estatal.
Os datos facilitados esta mañá na reunión extraordinaria da Xunta Local de Seguridade, que estivo presidida pola subdelegada do Goberno, María Rivas, xunto co alcalde Juan Domingo de Deus, amosan que concello rexistrou en 2023, 22 delitos por cada 1.000 habitantes, 15 puntos por debaixo da taxa provincial, 13 puntos por debaixo da autonómica e 30 puntos por debaixo da media do Estado.
No encontro fíxose unha análise dos indicadores de seguridade do municipio e abordáronse as fórmulas de coordinación así como as necesidades para o dispositivo de seguridade de cara á Festa do Polbo que xa alcanza a súa XXXII edición.
Así, fíxose unha valoración do acontecido nas últimas edicións nas que soamente se rexistraron pequenas incidencias que quedaron resoltas pola eficacia da actuación policial.
Para este ano, o dispositivo previsto para a Festa do Pulpo, Festa de Interese Turístico Galego, vai delimitar o espazo a través de varias zonas de actuación onde haberá presenza tanto de Policía Local como de Garda Civil e Garda Civil de Tráfico así como de outro tipo de efectivos a cargo de Protección Civil e voluntariado. Ademais establecerase un Posto de Mando Avanzado no que se integrarán todos os corpos policiais máis Protección Civil para coordinar o dispositivo entorno a esta celebración.
María Riva felicitou ao concello polo acerto na instalación dun punto violeta como espazo seguro de atención, información e axuda a vítimas de calquer tipo de agresión sexista.
Tamén neste sentido, a subdelegada do Goberno e o alcalde de Mugardos acordaron iniciar os trámites para a incorporación da policía local de Mugardos ao Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero, sistema VioGen, do Ministerio do Interior.
Analizáronse os datos relativos á violencia de xénero. A subdelegada informou que a día de hoxe, na provincia da Coruña hai 2.253 vítimas dentro do sistema VioGen. l