O pasado 28 de maio cumpliuse un ano desde a celebración dos últimos comicios municipais. A veciñanza de Narón decidiu por aquel entón apostar novamente polo proxecto de Terra Galega, con Marián Ferreiro á fronte, que gañou en número de apoios nas urnas –244 votos máis que en 2019– mais non lle serviu para lograr a maioría absoluta.
Abordamos coa rexedora algunhas das cuestións ás que se enfrenta a localidade nos vindeiros anos.
Que balance fai deste primeiro ano de lexislatura?
Para min é positivo. Continuamos avanzando en determinadas cousas. A día de hoxe xa temos aprobados os orzamentos e inicialmente o Plan de Urbanismo, que tamén é un documento importante para nós. Tamén se iniciaron obras novas, polo que seguimos avanzando. Non vimos ningún parón, é dicir, é unha continuación da lexislatura anterior e cremos que estamos traballando para darlle máis e mellores servizos á cidadanía, con novas instalacións e novas infraestruturas.
A xestión está a ser máis complicada, tendo en conta os resultados dos comicios?
Non o calificaría de complicado, senón de diferente. Nós sempre nos caracterizamos polo diálogo. A maioría absoluta só se tivo nunha lexislatura, polo que para tratar de gobernar tes que chegar a acordos xa con anterioridade, cun socio de goberno firme. Falabámolo cando se cumpriu xusto un ano. Ao final é un éxito que volvamos sacar dez concelleiros, con máis votos que nas anteriores eleccións. É certo que quedamos a expensas desa maioría absoluta, que nos daría sobre todo la tranquilidade á hora de executar o noso programa ao 100%. E desta maneira haberá cousas que se vaian quedando, porque teremos que chegar a acordos con outras forzas.
Falaba antes do Plan de Urbanismo. É precisamente un dos cambios aos que se vai enfrontar a cidade. Que vai supoñer este novo documento?
É un documento importante porque marca para nós as liñas fundamentais do crecemento da cidade. Tiñamos un Plan de Urbanismo do 2002 ao que xa lle pasaron por enriba dúas Leis do solo, polo que consideramos que era necesario actualizalo, poñelo ao día. Que vai acontecer? Que imos ter máis zonas verdes –pasamos dos case 665.000 metros cadrados actuais aos 1.266.000–. Melloraranse tamén as comunicacións entre barrios, habilitarase un corredor verde en toda a zona litoral con conexión á trama urbana... Tamén hai incrementos no rural do solo de núcleo, pasando de 800 a 1.200 máis. É dicir, é un documento que traerá cambios e sobre todo adaptacións ás novas Leis do solo. Agora mesmo está en fase de exposición pública e tamén se vai nutrir coas alegacións ou suxestións que presenten os cidadáns.
A oposición está a ser especialmente crítica con algunhas das obras executadas nos últimos meses. É o caso da humanización no barrio da Solaina. Que lle diría a eses veciños que están descontentos cos resultados?
Nós tamén estamos descontentos coa execución en si da obra, non tanto co proxecto, porque foi moi estudado por múltiples axentes na súa elaboración –axentes da Policía Local no ámbito da mobilidade, arquitectos, persoal da recollida do lixo...–. Pero a execución non é boa nin estamos contentos cos prazos. Os traballos dilatáronse moito no tempo. Pero o que si cremos é que cando rematen as obras será positivo no aspecto de mobilidade e accesibilidade. O obxectivo era dar máis espazo aos peóns con esa plataforma única. Non é un invento de Narón, senón que temos experiencias previas noutros concellos onde se ve que funciona.
O PXOM é un documento importante porque marca as liñas fundamentais do crecemento da cidade. Era necesario actualizar o que tiñamos, de 2002
Sopesan algunha actuación dado que a empresa non está a executar ben esas obras?
Claro, si. No momento no que se rematen e se faga a recepción, se hai algo que non está ben, actuarase. É algo que facemos con todas, pero insisto: se me preguntan se volvería facer este proxecto, a resposta é si.
Achegámonos ao verán e con el hai unha problemática que se repite nos últimos anos no municipio: a proliferación de moscas no Val. Como afrontan esta situación?
Pois, a verdade, con moita impotencia. É un dos problemas máis graves que temos, que traballamos nel, pero que en realide é como dar paus de cego. Fomos avanzados con respecto a outros concellos que tiñan esta problemática, facendo un estudo previo para determinar que tipo de mosca era. Neste sentido, teño que agradecer a colaboración dos veciños e veciñas, que permitiron poñer as trampas nas súas casas. Pero chega un punto no que non sabes que facer, porque non existe un foco nin nada que determine cal é a causa. É certo que existen moitos factores, como o cambio climático, que poden influír... Convocamos unha comisión de seguimento na que chamamos ás portas da Xunta para que nos axudase a determinar os motivos, porque eles teñen a capacidade de facelo a nivel técnico. Tamén estivemos en contacto coa universidade –temos o informe que fixo a Universidade de Vigo en Tomiño–, e coa Fegamp –á que lle pedimos que mediara–. Excede xa das nosas competencias. Entendemos que hai que tomar medidas, pero a nivel supramunicipal, como se fixo no caso da prohibición de plantar patacas. Nós probamos todo o que estivo nas nosas mans, por exemplo, o reparto de caixas-nido para aumentar a biodiversidade na zona –os paxaros son depredadores para as moscas–, pero non son accións que teñan efectos inmediatos.
Afrontamos a situación da proliferación das moscas na parroquia do Val con moita impotencia.Hai que tomar medidas a nivel supramunicipal
O servizo de madrugadores nos colexios públicos é outro crebacabezas para o goberno local. Pese a ser de competencia autonómica, o Concello decidiu asumilo para tratar de aliviar a situación das Ampas. Hai avances neste ámbito?
Nós seguimos a manifestar que non é unha competencia nosa e remarcando o pouco sentido común que ten todo isto. É dicir, se nos centros escolares hai servizos de comidas xestionados pola Xunta cunha empresa, que sexa esa empresa a que asuma tamén os madrugadores sería o ideal. Nós entendiamos a situación das Ampas, mais a nosa intención era a de non adquirir máis competencias alleas ás nosas, porque a situación económica non é boiante como para asumir as que non son túas. Transitoriamente chegamos a ese acordo, pero seguiremos demandando. Tamén tivemos unha reunión coa Fegamp, na que se nos transmitiu que esa competencia non debería ser asumida polos Concellos.
Hai pouco que se aprobou a ordenanza reguladora da prestación patrimonial de carácter público non tributario polo acceso e uso do Centro de Interpretación dos muíños industrais de Xuvia. ¿Ten previsto o Consistorio algunha inversión máis no centro?
Inicialmente non. A rehabilitación do espazo xa está feita e tamén a súa musealización. Coa licitación inclúense tamén apartados de uso por parte do Concello, de entidades ou asociacións de veciños que así o demanden para facer diversos actos nas instalacións. Pero non está prevista ningunha actuación máis.
E no caso do muíño das Aceas e do Camiño do Peregrino, en que momento se atopa o proxecto?
A titularidade do muíño xa é nosa. Agora o que estamos a facer é buscar fondos para poder rehabilitalo, polo que a día de hoxe non está previsto aínda o inicio das obras. O que fixemos foi rehabilitar a presa, unha actuación básica para poder transitar por enriba, xa que estaba un pouco deteriorada. E o camiño do peregrino, onde se fixeron as actuacións do ‘bowl’ e a pista de parkour, conecta coa senda que une Freixeiro con Xuvia e levará tamén ao muíño. Esas actuación xa están listas e executadas.
Seguimos a manifestar que o servizo de madrugadores non é unha competencia nosa e remarcamos a falta de sentido común que ten a situación
Unha das maiores curiosidades dos veciños e veciñas de Narón é que vai acontecer co inmoble do antigo centro de saúde. Ten previsto o Concello algún plan para as instalacións?
Si. Nós temos varios proxectos, pero o primeiro punto é atopar a financiamento para poder facelos. O edificio precisa adaptarse á normativa para que se poida volver abrir. Falamos de normativa contra incendios, accesibilidade... A pesar de que se atopa en boas condicións, é necesario facer unha inversión para afrontar todo iso. Temos varias opcións para o inmoble, pero ata que teñamos a financiamento máis ou menos orientada non desvelaremos nada.