Plan integral en Narón para mellorar o firme de varios parques infantís do municipio

Plan integral en Narón para mellorar o firme de varios parques infantís do municipio
Responsables municipais no parque de Bimbieiro | Concello

Narón está a executar un proxecto municipal para mellorar as instalacións de varios parques infantís do municipio. Neste sentido, o goberno local rematou nos últimos días as obras de reposición do caucho do recinto de Bimbieiro, na parroquia de Freixeiro, tal e como comprobaron a rexedora, Marián Ferreiro, e o edil de Obras e Urbanismo, Pablo Mauriz.


Así pois, estas actuacións, que buscan substituír o pavimento dalgúns parques da zona urbana da cidade, contan cun presuposto de 102.309 euros e enmárcanse dentro dun plan integral co que o Consistorio busca mellorar diferentes espazos do municipio –entre eles os parques infantís e biosaudables–.


Ademais das obras en Bimbieiro, o Concello prevé intervencións nos parques ubicados no interior dos recintos escolares da Solaina e Ponte de Xuvia, así como nos das rúas 25 de novembro, río Mandeo e parque Segura Torrella, nos que tamén se reporá o pavimento de caucho.


Tal e como indicou Ferreiro, “trátase de equipamentos que teñen nalgúns casos ata dez anos de antigüidade e que precisaban dunhas tarefas de mantemento para o seu uso nas mellores condicións posibles para as usuarias e usuarios, ao estar deteriorado o firme por tratarse de instalacións moi utilizadas pola veciñanza”.


A responsable municipal explicou que o procedemento a seguir nestas actuacións consiste en retirar o antigo pavimento de losetas que tiñan e substituílo por un pavimento continuo de caucho de diferentes cores e con acabados amortiguadores. Isto repercutirá nunha “maior calidade destas infraestruturas municipais, punto de encontro da cidadanía”. 

 

Así pois, o Concello naronés terá como obxectivo nos vindeiros anos “continuar apostando por manter este tipo de equipamentos nas mellores condicións de seguridade”, remarcou a alcaldesa na visita ao parque de Bimbieiro. 

Plan integral en Narón para mellorar o firme de varios parques infantís do municipio

Te puede interesar