O Plan Único da Deputación recolle unha partida de 211.400 euros para converter a rúa da Garda, en Narón, nun bulevar con beirarrúas máis amplas, novo alumeado e plantación de árbores. O presidente do organismo provincial, Valentín González Formoso, realizou onte unha visita institucional á localidade en compañía da deputada de Vías e Obras, Mónica Martínez. Estivo acompañado pola alcaldesa, Marián Ferreiro, e polos portavoces do PP e do PSOE, Germán Castrillón e Jorge Ulla, respectivamente.
Os responsables provinciais e municipais visitaron algunhas das actuacións que se están a acometer con cargo a dito Plan na cidade, como as da citada rúa, construída hai uns quince anos para dar servizo aos grupos residenciais que a compoñen e que na actualidade supón un eixo principal dos accesos desde a apertura do novo centro de saúde.
A actuación afecta ao tramo inicial do vial, entre a estrada de Castela (AC-862) e a rúa Santa Tecla (rotonda de acceso á AP-9), cunha lonxitude de 170 metros, e pretende humanizar o entorno incrementando a zona peonil de 620 metros cadrados a 1.100 –o que implica a redución da calzada para minorar a velocidade dos vehículos–.
As obras tamén recollen a renovación completa dos pavimentos, a mellora do alumeado público –con tecnoloxía LED–unha nova rede de recollida de pluviais e unha intervención lixeira coa creación de pequenos espazos verdes e plantación de especies arbóreas co fin de crear un bulevar.
“Co remate das obras, en pouco tempo poderemos ver unha notable mellora tanto estética como de seguridade desta céntrica rúa de Narón, que se converterá nun lugar con máis espazo para peóns, cun tráfico máis calmado, mellores servizos e completamente renovado e adaptado ao que a veciñanza demanda”, afirmou Formoso.
“Con actuacións como esta, melloramos a accesibilidade e facemos máis atractiva a nosa cidade e máis segura para os viandantes”, remarcou a rexedora.
A Deputación da Coruña salienta que, no caso de Narón, a creación do Plan Único supuxo “un notable incremento do investimento” no municipio. Neste sentido, “dos máis de 22 millóns de euros investidos pola institución provincial nos últimos oito anos, 14,2 corresponden ás achegas do POS+”.