LETRAS ATLÁNTICAS | Optopoética

Literatura en #Nordesía: Armando Requeixo escribe sobre "Desenfoque"
LETRAS ATLÁNTICAS | Optopoética

Comezo o ano lendo Desenfoque de Noelia Gómez, a quen xa coñecía como poeta mercé a O xiro, o libro co que se estreara en 2018. Desenfoque é unha pequena alfaia desa factoría de soños que se chama Apiario. E é tamén un paxaro de azas versais que ascende, na plenitude do voo, esta rianxeira de nacenza, coruñesa de crianza e compostelá de formación. Catro son as seccións nas que o libro se divide e catro tamén os continentes de sentido que traza: “Ás cegas”, “A enfermidade”, “O invisible” e “Analepse”.


O primeiro dos bloques é a crónica feita poema dunha intervención oftalmolóxica, o traspasar a porta da vertixe e do baleiro que a autora cruza, abismándose no descoñecido coa perseveranza na loita e na esperanza dun mañá no que a visión será o premio, a confirmación da vitoria contra a noite moura. Van, así, os versos declarando a batalla contra a falta de agudeza visual, pesarosa dese mar que se vai vendo “con menos nitidez”, contra ese ter que “abrir moito as pálpebras”. Mais tras ese esforzarse contra o “tigre famento” da afección ocular, logo de orientarse “ás apalpadas”, chega a superación da táboa de Snellen, a vida pulando por riba da optometría.


“A enfermidade” achega os poemas máis solidarios, os máis sororizados, aqueles nos que nai e filla van da man “contemplando o lume da combustión”, superando febres con xaropes e “soro umbilical” ata que “a unha na outra eramos o desafío”. Porque se “da man collidas flotamos/ na enfermidade” non é senón para rematar na fulguración: “O noso ouveo vólvese invocación/ ondea todo centro matriz/ desde alí propágase/ ata un novo planeta”.


Na terza das seccións, “O invisible”, o poema vira e anuncia a liberación da escravitude tecnolóxica, o regreso ao tempo no que non había computadoras nin móbiles e bailar xanadu era o progreso. O perigo volveuse agora verse dixitalizada: “afástate do humano/ estás a piques de te programar”. É un deixar de “ver” alén das pantallas, unha “cegueira” de bits a aniquilar o analóxico e converter o amor nun “match”, nunha emoticona, un meme, un sucedáneo. Fronte a tal horror, convén plantarse : “no ángulo máis distante construírse/ facer do oco unha casa/ trazar a constelación que orienta o ouveo”, como nova Gingsberg.


“Analepse” é o bloque que dá remate ao volume, un regreso á infancia, salto atrás no tempo, flashback a “un fogar con xardín/ preto do dique”, “os magnolios/ mesturándose nun intenso fucsia na horta” e un amar en margaridas de “quéreme non me quere” ata que a nena que unha foi marcha co “eco dos paxaros/ que atravesaron as pálpebras/ totalmente ás cegas/ estendéndose/ en dirección ao incógnito (...)/ habitante da escuridade”, moza xa “a voar”, como ave na procura dun “indicio do sagrado”.


Noelia Gómez faise coro en Desenfoque, déixase habitar por Mercedes Halfen e Julia Stephen, por Guy Debord e Clarice Lispector para nos lembrar que “a resistencia non está no tamaño/ senón no arame que aguanta”. O grandor, o deserto da córnea, o río da néboa, a luz toda que estoura no Desenfoque, optopoética.

LETRAS ATLÁNTICAS | Optopoética

Te puede interesar