Desde a seguridade, ando xa vello como para fiarme de máis da intuición, de que 831-urb (Edicións Xerais, Vigo, 2024) de Manuel López Rodríguez, por quen sinto o meirande respecto e mesmo gratitude por algunha colaboración con OLGA, non é prato do meu gusto, quixera explicar, ao Neruda, algunhas cousas. A contracapa do libro define este como “un exercicio arquitectónico de ambiente ciberpunk onde o ser humano cre recoñecerse”. Nin máis nin menos. Diante de semellante afirmación, preanunciadora de fenómenos cheos de boureos e máis estrondos (no interín direi que este tipo de cousas medran como cogumelos após da chuvia en poéticas centroeuropeas, entre poetas novos, digo), cabe agardar batalla tras batalla. Loitas, aclaro, ben feitiñas e artelldas.
Que Manuel López Rodríguez sabe organizar os seus pensamentos poéticos, desde un a xeito de xénese, ata un remate moi apocalíptico. E non porque o libro teña nada de relixioso, por certo, aínda que a pegada do “Eclesiastés” se deixe ver: “Hai un tempo…”. Que trata, máis ben, dunha ficción sobre un mundo en desfeita cunha substancia tóxica, que aparece nominada como marmelada, tan definitivamente tóxica. Tan xordida ao chou: “Velaquí a marmelada deitada enriba do banco do parque./ Se alguén a deitou/deseguido saiu fuxindo. Así tan forte a sensación e a materia.” Por exemplo. Logo a cousa irá apañando forma (e materia, si) baixo do dominio duns nanobots, que semellan ter penetrado nos humanos, nos seus adentros.
A estas alturas o lector fica enguedellado nun mundo abismal no que ningué semella zafar da marmelada famosa, da que non hai maneira de salvarse (tan sequera de gardala “escasean os tarros” e, a maiores, “os anecdotarios do delito”.) Non, non estou tentando explicar un libro máis ben inexplicable, que se move entre robots (palabra tan de orixe checa como certos poetas novos da mesma orixe, en días en que os leo simultáneamente con Manuel López Rodríguez, na súa faceta ciberpunk, digo) e unha “vaca de pedra no alto da montaña”.
Inevitablemente darán aparecido os drons, e uns superhumanos, ben pouco nietzschianos, e que -lástima- non posúen sexo. Non sei se chamarlle “poesía-ficción” ao que Manuel López Rodríguez nos presenta neste libro tenso, intenso, que confeso paladinamente “it´s not my cup of tea”. Mais, de novo desde a seguridade, que non desde a intución, e acabo en anáfora estes pensamentos sobre un libro que acadara o XXVI Premio Johán Carballerira do Concello de Bueu, direi que outra vez será, coidando no pródiga que é én títulos a obra de Manuel López Rodríguez (Noia, 1978). En títulos e en premios: Johán Carballeira, Eusebio Lorenzo Baleirón, Avelina Valladares (tres veces), Xosé Maria Díaz Castro, Arume, Concello de Carral. “And so on.”