A represión que desataron os golpistas o 18 de xullo de 1936 alcanzou a todos os estamentos da sociedade, e o mundo do fútbol non se librou das súas consecuencias. Por outra banda, a sublevación militar derivou nunha guerra civil, que supoñería una interrupción nas diversas competicións deportivas.
Conta Jorge Manuel Deza Rey na súa moi documentada Historia do Racing Club de Ferrol (Tomo 1, 1919-1939), que o famoso ex-capitán racinguista Manuel Rivera lembraría anos despois que o luns 20 de xullo saíra dos estaleiros ferroláns –era operario da Sociedad Española de Construcción Naval– no medio do lume cruzado, coas mans en alto e gritando: “Raparigos, son Manolo Rivera, non me disparedes!”, para que non o matasen. Pero, anécdotas á parte, non todos os xogadores tiveron a sorte de Rivera.
O mencionado autor sinala que o xogador racinguista Ginés Fernández Rodríguez, acusado de rebelión militar, foi condenado á morte o 4 de decembro de 1936 e fusilado dúas semanas despois no Castelo de San Felipe, xunto ao seu pai, o exalcalde de Cedeira Manuel Fernández Freijeiro, e once persoas máis. Así mesmo, diversos directivos do club ferrolán foron executados tras un xuízo, ou “paseados”, nas semanas e meses posteriores á sublevación, como é o caso de Manuel Morgado González del Valle (o 13 de agosto), Jaime Quintanilla Martínez (exalcalde de Ferrol, o día 17), José Bueno Pérez (o 21) ou Ramón Cebral Sueiras (o 29 de setembro de 1938).
Houbo outros que, por medo ás represalias ou ser asasinados pola súa ideoloxía ou pertenza a partidos e sindicatos de esquerda, decidiron escapar e loitar no lado republicano nas frontes de Asturias, Castela ou Aragón. É o caso, por exemplo, do directivo do Galicia FC –e vocal racinguista– Jorge Mauriz Lorenzo, quen morrerá combatendo en Escamplero (Oviedo) a finais de outubro. Inhumado en primeiro lugar na localidade asturiana de Grado, segundo explica Deza Rey, “os seus restos mortais foron trasladados a Ferrol días despois, celebrándose ou seu soterramento no cemiterio de Canido o 8 de novembro con presenza das directivas do Racing e do Galicia”.
Dado que en Galicia non se produciu realmente unha guerra –quedou dentro da chamada “zona nacional” e as forzas franquistas lograron controlar a situación en apenas unha semana–, os partidos de fútbol reaparecen a finais de verán. Así, o 20 de setembro o Racing e o Deportivo enfróntanse no campo do Inferniño nun partido benéfico a favor do Exército nacional, a iniciativa da Falanxe.
Descríbeo da seguinte maneira, dous días despois, o xornal La Voz de Galicia: “El stadium hallábase vistosamente adornado con banderas, y amenizó el encuentro la banda del Regimiento Mérida 35”. Tras dar comezo o partido co himno da Falanxe, “el público y los jugadores escuchan con vítores a España”, o encontro estaría presidido polo delegado de Orde Pública Víctor Suances e outras autoridades, e nel marcaría, por parte do Racing, Xelo, quen, posteriormente, tras ser mobilizado, acabaría desertando, pasándose ao bando republicano.
Marcelino Pardal Pouso –alcumado “Xelo”– naceu na rúa da Estrela, no barrio ferrolán de Canido, o 2 de novembro de 1917, aínda que residiu tamén en Ferrol Vello. De ideoloxía anarquista, loitou contra o exército franquista na Batalla do Ebro, antes de fuxir a Francia en 1939. Alí é obrigado a permanecer nalgún dos campos de concentración que o goberno galo habilita para controlar os refuxiados españois. A el tócalle o campo de Agde, no Departamento de Hérault.
Coñecido como o camp dels cataláns (pola procedencia da maioría dos internos), Agde funcionou entre 1939 e finais de 1942, para acoller, nun primeiro momento, a refuxiados españois, que conxestionaban os campos das praias do Rosellón, e, máis tarde, a traballadores indochineses, apátridas, xitanos ou xudeus. Pasaría poucos meses en Agde. Co estalido da Segunda Guerra Mundial, o xogador ferrolán será encadrado nunha das tristemente famosas CTE (Compagnie de Travailleurs Étrangers) para traballar na construción da Liña Maginot.
Como consecuencia da derrota dos franceses ante o Exército xermano, Marcelino é feito prisioneiro, xunto a súa compañía, e enviado ao stalag V-D, situado en Estrasburgo, onde permanecerá aproximadamente seis meses. O 13 de decembro de 1940 é deportado ao campo de exterminio de Mauthausen, séndolle asignado o número de matrícula 5.101 (un número que os nazis tatuaban nos brazos dos prisioneiros). Malia as horribles condicións do devandito recinto, Xelo conseguirá sobrevivir, saíndo do campo o 5 de maio de 1945.
Durante o seu cativerio en Mauthausen, Pardal, xunto a outros presos republicanos españois, crearán un equipo de fútbol –o que bautizaron co nome de “A República”– co que se enfrontarán a prisioneiros doutras nacionalidades e, mesmo, cos propios carcereiros. Según refire o historiador Enrique Barrera no seu libro Galegos en Mauthausen, Xelo contoulle á súa curmá, Palula García Pouso, que “os nazis non o mataran precisamente porque sabía xogar ao fútbol e que, grazas a isto, non tiña que traballar e a súa alimentación era mellor”.
Calcúlase que Mauthausen acolleu uns 7.000 españois, algúns deles galegos, con ampla representación de homes de Ferrolterra como os mugardeses Manuel Fernández García (“Olmedo”), José Pereira Pérez e José Andrés Pena Losada, o aresán Carlos Romero Rebón ou os ferroláns Francisco Gómez Iglesias e Manuel Pontes Palmeiro. Trala súa saída do campo nazi, quedou a vivir no sur de Francia, en Béziers, e non consta que regresara nunca a Galicia, aínda que mantiña contacto regular cos seus familiares ferroláns. Faleceu o 19 de maio de 2009, aos 92 anos, na devandita localidade do Rosellón.
Aínda que ningunha rúa leva o seu nome, a figura de Xelo Pardal aínda permanece viva na memoria dos ferroláns, quen non se esquecen de que foi xogador do Racing desde 1934 ata a tempada 1936-37. Como botón de mostra, a comisión de festas da Parrocheira 2024 realizou o pasado mes de setembro unha lembranza-homenaxe ao Xelo, para honrar a memoria dun home “que representa a heroicidade”, un home que non puido gozar desta festa popular durante a súa vida “por causas alleas á súa vontade”.