Con motivo do 50 aniversario do falecemento do ditador Franco, o Goberno de coalición ten previsto realizar durante 2025 por todo o país un completo programa de actividades baixo o título “España en libertad. 50 años”, que inclúe conferencias, exposicións, proxeccións audiovisuais, entre outros actos.
De acordo coa páxina gobernamental creada a tal efecto, o obxectivo é “recordar y celebrar los avances logrados en las últimas cinco décadas, homenajear a los muchos colectivos sociales e instituciones que los han hecho posible y transmitir el valor de la democracia en un momento en el que esta da signos de retroceso en buena parte de Occidente”.
Nunha primeira consideración, antes de entrar no fondo da cuestión de se é pertinente ou non conmemorar a morte do ditador, diría que o título do programa pode levar a certos equívocos. Pódese dicir que España xa está en liberdade e en democracia o 21 de novembro de 1975? Na miña opinión, non, pero isto esixe unha explicación. E estas son as razóns que achego:
1. Un ultradereitista á fronte do Goberno: Carlos Arias Navarro, un personaxe sinistro (alcumado o “carnicerito de Málaga” pola súa participación como fiscal nos consellos de guerra contra partidarios da República durante a Guerra Civil e a posguerra), grazas á súa proximidade ao ditador sucede na Presidencia do Goberno a Luis Carrero Blanco e segue a ser presidente –ratificado por Juan Carlos I–, ata que presenta a súa dimisión o 1 de xullo de 1976.
2. Non disolución inmediata das Cortes franquistas: estas non se disolven ata finais de 1976, unha vez aprobada na súa sede a Lei de Reforma Política (do 16 ao 18 de novembro), que presenta o Goberno de Adolfo Suárez e que, logo, é ratificada en referendo o 15 de decembro.
3. Clima de violencia política nas rúas: a existencia dun permanente ruído de sabres (ameaza que pendeu durante os primeiros anos da Transición sobre a sociedade e que se materializou no intento de golpe de estado de 1981), a violencia nas rúas exercida polas formacións de ultradereita (Guerrilleiros de Cristo Rey, falanxistas…) e parapoliciais, que culmina en accións que tiveron gran repercusión na sociedade española como o asasinato dos avogados laboralistas de Atocha en Madrid (24 de xaneiro de 1977), ás que hai que sumar os atentados, asasinatos e secuestros levados a cabo por grupos terroristas de esquerda (ETA, GRAPO).
4. Partidos políticos na clandestinidade: non é ata 1977 cando se empeza a legalizar os partidos de esquerdas (PSOE, 15 de febreiro; PCE, 9 de abril).
5. Lento retorno dos exiliados: prodúcese a partir dos inicios de 1976 e, sobre todo, coa promulgación da Lei de Amnistía (15-10-1977).
6. Creación do Señorío de Meirás (outorgado polo rei emérito) e a transmisión do Pazo de Meirás á familia Franco, un ben que será expropiado 45 anos despois.
Eu creo que é pertinente celebrar o aniversario do falecemento do ditador porque precipita e posibilita o comezo do camiño cara a unha apertura democrática –o que chamamos a Transición–, que ten a súa culminación na aprobación, en referendo, da Constitución (6 de decembro de 1978) e a celebración das primeiras eleccións xerais dentro do marco de completa legalidade constitucional (1 de marzo de 1979). Postos a poñer unha data ao fito constitutivo do actual sistema democrático, convirán comigo que as dúas anteriormente mencionadas son máis pertinentes.
Un servidor non se alegra nunca da morte de ningunha persoa. Pero hei de recoñecer que Franco era un obstáculo para o cambio de réxime. De aí a importancia política e histórica do seu falecemento. Ten todo o sentido celebralo porque, como moi acertadamente afirma o xornalista Gorka Landáburu, a morte de Franco vai supoñer o final da ditadura, e isto é o que “debemos explicar pedagógicamente a las nuevas generaciones y en memoria de todos los represaliados y exiliados”.
En Alemaña celebraron en 2024 o 75º aniversario da caída de Hitler, cun goberno socialdemócrata e con presenza da antiga chanceler de dereitas, Angela Merkel; en Portugal, o ano pasado, como cada 25 de abril, celebrouse o 50ª aniversario da Revoluçao dos Cravos, presidido por un primeiro ministro de centrodereita; en 2023, Chile celebrou o 50ª aniversario do golpe de Estado de Pinochet para lembrar ás vítimas e repudiar o réxime instaurado polo militar golpista.
En España, porén, a dereita política abstense de participar nestes actos por consideralos pura propaganda sanchista, e a mediática alza a súa voz afirmando que esta celebración é un “aquelarre guerracivilista” (Francisco Solano Cobos en Libertad Digital, 8 de xaneiro de 2025) que pode poñer “en riesgo la paz social que la Constitución del 78 nos generó a todos los españoles” (Carlos Marcos en Diario de Ferrol, 11 de xaneiro de 2025), co acompañamento da dereita xudicial, todos eles perseguindo un mesmo e único obxectivo: a caída de Sánchez e a convocatoria de eleccións xerais.
Mentres o Goberno e a sociedade española se preparan para celebrar os actos en honra das vítimas da represión franquista, as hostes do “Generalísimo” apréstanse a contraprogramar as devanditas celebracións cun acto titulado “Orgullosos de nuestra historia”, que terá lugar no Hotel Ilunión de Madrid o próximo 15 de febreiro, co obxectivo de reivindicar que “estamos orgullosos de nuestra historia y de Francisco Franco, el estadista que puso al pueblo español en lo más alto”.
Faría ben a Fiscalía en estar atenta a este acontecemento, xa que inevitablemente se vai producir unha exaltación da ditadura, a proliferación de símbolos franquistas e o descrédito e humillación das vítimas, feitos contrarios á normativa de memoria democrática (artigo 38.1 da Lei 20/2022, do 19 de outubro), o cal debería carrexar as sancións correspondentes.
Nun país no que o negacionismo e o branqueamento da ditadura están a aumentar de maneira preocupante, ser antifranquista é, ademais dun deber ético, unha postura de reafirmación democrática, indispensable para manter o noso modelo de convivencia, posto en perigo hoxe en día por aqueles que tachan ao noso sistema actual de “ditadura sanchista” pero que, no fondo, desprezan profundamente a democracia.