Teño que dicir que non vin o documental dirixido por Juanjo Castro e emitido pola RTVE, logo non dispoño de elementos de xuízo para opinar sobre el. Si sei o que motivou ao seu director a contar nunha longametraxe a ignominia que se cometeu coa xente maior en Madrid no convulso tempo da pandemia, xente que estaba en residencias e foi abandonada á súa sinistra sorte, negándolles algo tan indispensable como é a asistencia sanitaria cando o virus atacaba con toda a súa forza. Ese desleixo da Administración cos maiores provocou 7.291 mortos e só foron derivadas aos hospitais aquelas persoas maiores que tiñan algún seguro privado. Houbo casos similares en Cataluña e nas dúas Castelas pero nada comparable ao acontecido en Madrid. Ata hoxe ninguén asumiu as súas responsabilidades. Creouse unha comisión para estudar estes casos pero nada máis Isabel Díaz Ayuso gañou as eleccións por maioría absoluta suprimiu dita comisión de seguimento nun intento flagrante de silenciar calquera investigación que puidese sinalar culpables.
O desafecto as persoas maiores quedou unha vez máis en evidencia como mostra palpable da falta de humanismo e sensibilidade dalgunha xente que nos goberna, que se pasou polo forro un dos dereitos fundamentais que figura na nosa Constitución. Claro que pasar dos dereitos constitucionais esta sendo unha praxe bastante común nos tempos que corren, praxe dun neoliberalismo imperante e deturpador ao que moita xente vota e que só mira aos intereses duns poucos en detrimento do benestar da maioría. Se seguimos así, a Sanidade rematará sendo un dereito para aqueles que poidan pagala, e o que non... “ajo y agua”. Para mostra basta este botón.
Porque o da DANA e Mazón en Valencia, comparado co da pandemia e Ayuso en Madrid, non ten equidistancia nos sinistros resultados. Dúas catástrofes co desenlace de moitas mortes, parte das cales se puideron evitar. Houbo neglixencias na xestión? Pois todo apunta a que si e que a lei segue o seu paso preguiceiro na procura de responsabilidades mentres os presuntos culpables actúan con insultante disimulo. E a darlle largas, a que a cousa prescriba se é que prescribe. Son miserables.
Dise que o documental non é maniqueo, pois segundo o seu director se apoia en datos incuestionables, como indiscutible é a desvergoña dos impresentables cuxo desleixo provocou 7.291 mortes. A TV pública debe atender ao servizo público e a emisión deste documental encádrase no servizo á verdade que o ente ten que defender por pura decencia informativa. Que non? Pois sobre o papel así debera ser.