A problemática do acceso á vivenda en Galiza e no conxunto estatal supón un reto de actuación política que aprema, especialmente en beneficio da mocidade polo seu dereito á emancipación do fogar familiar. Este tema, que aparece destacado nos barómetros de opinión como unha das principais preocupacións sociais, agora está tamén no centro da axenda institucional e xornalística, en gran parte debido as declaracións, e repetidos compromisos formais, anunciados pola Xunta no Parlamento galego ou por anuncios doutros executivos autonómicos e do Goberno central. Pero, a pesar do aumento da visibilidade deste problema, as solucións efectivas continúan sendo escasas.
Un dos factores que empeora esta situación é a expansión das vivendas de uso turístico, que están a reducir a dispoñibilidade de vivendas para uso residencial, provocando un aumento dos prezos tanto na compra como no alugueiro. Isto ocorre nun contexto no que o parque de vivenda pública español é un dos máis pobres de Europa, agravado pola inacción política dos gobernos de quenda.
Para a mocidade, a situación é especialmente crítica. A idade media de emancipación supera xa os 30 anos, e sete de cada dez mozos continúan a vivir no domicilio familiar ou obrigados a compartir arrendamento, mesmo tendo un salario propio. Isto non é só un síntoma da falta de oportunidades económicas, senón tamén unha consecuencia directa da escaseza de vivenda accesible e da competencia desigual cos fondos de investimento e os grandes posuidores de propiedades. Estes actores, os propietarios, están a monopolizar a oferta de vivendas, adquirindo inmobles sen hipotecas e destinándoos ao mercado do alugueiro a prezos inalcanzables para a maioría da xente.
A crise do 2008 e as políticas de austeridade que seguiron contribuíron a empeorar esta situación, xa que provocaron unha redución significativa nos investimentos públicos en vivenda que foi relegada a un ben mercantil, en lugar de ser considerada un dereito básico, de carácter universal, e iso deixou á cidadanía á mercé dos intereses do sector privado. Neste sentido, resulta urxente que a administración pública recupere o control e aplique medidas valentes que limiten a compra de inmobles só para uso residencial e que promovan un parque de vivenda pública máis accesible.
Finalmente, as manifestacións pola rúa, convocadas en diferentes cidades, son un claro sinal de que a sociedade está disposta a mobilizarse e reclamar dispor dunha vivenda digna como o dereito fundamental que así é. O clamor da xente deixa claro que este problema xa non pode quedar en mans de quen, durante décadas, ignoraron as súas responsabilidades. A presión colectiva e a organización cidadá son ferramentas esenciais para conseguir as solucións que se precisan. Só así será posíbel avanzar cara a un modelo de vivenda que poña ás persoas no centro das políticas públicas e non subordinada aos intereses especulativos. Non é tempo de anuncios, é hora de feitos.