O aconsellable é o normal

Ao recordar aqueles tempos apálpase o que cambiou o mundo, os costumes, as formas de vivir e as relacións entre as persoas. Cambiaron as amizades e os miramentos entre elas. Os falares son outra cousa, as miradas non din nada e os tratos son con golpes do dedo nunha tecla dun aparello quizais imprescindible para múltiples xestións, sen falar.


Aqueles tempos que quere revivir contándolles aos seus netos como eran, fóronse e alá van. Eran de escaseza en todo, tempos nos que os mozos para vestir usaban colos falsos para as camisas. Poucos dos lectores lembrarán isto do que estamos a falar, pero así era, un colo e unha gravata para representar o que non había. Como un pan prestado, un ou os dous colos comunais ían, de casa en casa, recorrendo os festexos. Pola contra, hoxe están as camisas, completas e case novas, amoreadas e a desprezo nas bancadas da mercadoría inservible.


E, xa que estamos recordando aconteceres, vén á memoria o caso daqueles amigos que vivían nunha das grandes cidades universitarias que aínda subsiste. Aqueles que non cambiaban o colo da camisa, pero para ir como se debía á voda da prima ou do amigo, compraron un traxe a medias e pagárono cos aforros que lograran da venda dos apuntes aos colegas acomodados do seu curso de medicina. Era a vestimenta apropiada para actos solemnes, aos que lle gustaba asistir a algún dos tres. Tratábase dun traxe azul de raias, chaqueta de dous cortes, pantalón de pinzas e chaleco, dos de sempre, igualiño ao que levaba, con moita elegancia, o vello alcalde.


Outros amigos emigrantes no Reino Unido, Basilio, frade e crego, e o seu compadre Domingo, un xardineiro que andaba na procura dunha noiva, foron a unha das tendas máis normais de Londres e compraron un abrigo de tea negra de cachemira, pagaron a medias e fixeron un calendario equitativo para o uso daquela prenda fermosa, negra, azul ou morada, segundo quen a mirase.


O día do seu casamento, Domingo foi á cerimonia con aquel abrigo novo e todos os do convite loaron a indumentaria da parella. Ela ía cun vestido de cor branca rota e Basilio dende o altar rezaba, cantaba, miraba e soñaba. Como di a Tía Manuela, “coa vestimenta, o aconsellable é o normal, o uso normal da mesma”. A moda, pola contra, é para comprar ou vender, para o negocio ordinario.

 

O aconsellable é o normal

Te puede interesar