Aquí nolas dean todas

Calquera das persoas que camiñamos polas rúas da nosa cidade, mesmo as privadas do sentido da vista, saben da chea de edificios que están remodelando as súas fachadas. Só as moi despistadas, que as hai, non se decataron de tal. Un fabril estado febril consecuencia da ordenación europea para a rehabilitación de edificios e vivendas, dotada de axudas económicas, á que se acolleron axiña as comunidades de veciños. Un proceso reformador que concedeu á nosa cidade a imaxe peculiar de edificios engaiolados en redes cal se fosen baleas xigantes apresadas entre especimes menores na pesca de arrastre, a fasquía das excusadas e misteriosas partes da clausura conventual, ou mesmo a de humanos de desproporcionada talla revestidos con protectoras roupas de traballo. Dun ou doutro xeito, o resultado de pertencer á Unión Europea, tal como van as cousas, un dos mellores mundos existentes hoxe no Planeta.


E, como estas reformas son de obrigado cumprimento, as comunidades veciñais non o pensaron dúas veces e puxéronse ao labor. Xa que o hai que facer, canto antes mellor. Ademais, contamos coas axudas europeas, vamos alá antes de que estas se acaben. Mais, toda norma leva aparellada as súas excepcións. Algunhas demoraron, non deron chegado a tempo, e recentemente compareceu a nova fatal de que a fonte das axudas tiña secado. Este é o caso que está a acontecer na comunidade da que fago parte. Con tal motivo, mantivemos onte unha xuntanza. Co peso da decepción da falta de axudas oficiais nas costas, decidimos seguir adiante. Logo do traballo de deseño e os inevitables preparativos, non era cousa de ficar varados. E, na procura de posibles solucións, alguén dos presentes decidíu propor se axuntar coas outras comunidades no mesmo trance e enviar unha petición conxunta ao goberno central para que este, á súa vez, a elevase as correspondentes instancias europeas en demanda da reedición dos fondos New Generation. Alén de o conseguir ou non, non deixa de ser un recurso sensato. O non xa o temos, se cadra logramos un si. Como quen oe chover. Lamentablemente, a proposta entrou por unha orella e saiu pola outra. Para que emprender unha acción, se podemos optar pola lei do mínimo esforzo. Aquí nolas dean todas. Témolo que admitir: as comunidades de veciños non son outra cousa que a representación máis auténtica dunha grande parte da sociedade do país. Moito ruído e poucas noces

Aquí nolas dean todas

Te puede interesar