Elas son as cantareiras, van ledas e aledan ao entorno, cantan e bailan, tocan e falan. Son das nosas, recoñecidas e apreciadas por todos. A Real Academia Galega (RAG) neste ano 2025 dedícalles o Día das Letras Galegas, para orgullo de todos os cultivadores e defensores da cultura popular, para orgullo de nós. A RAG personaliza esta homenaxe en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda; Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e en catro pandeireteiras de Mens (Malpica), Manuela Lema, Teresa García Prieto, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda.
Ana Boullón e Antón Santamarina publican na páxina da Academia cadanseu artigo sobre este particular, ‘Da tradición á vangarda’ e ‘Cantar para gañar galegofalantes’, respectivamente. En ambos casos dan conta da importancia e do enraizamento destas manifestacións culturais no ser de Galicia, coa poesía e a música en perfecta harmonía e inseparables dende a idade media.
Todos contentos porque esta é “unha homenaxe ao pobo que mantivo viva a lingua e o relevo dunha tradición”. A Academia, segundo puxo de manifesto Víctor F. Freixanes, quere facer coas Letras Galegas deste ano un “recoñecemento ao propio pobo galego que durante séculos mantivo viva a nosa lingua, e en particular ás persoas que crearon de forma anónima a poesía popular”, fundamentalmente mulleres de aquí e de acolá.
Henrique Monteagudo, académico veterano e recentemente elixido presidente (4 de abril de 2025), presidirá o dezasete de maio o pleno extraordinario da Academia en Malpica de Bergantiños e alí están previstas tamén, a modo de alocucións, as intervencións de Ana Boullón, Antón Santamarina e Xesús Alonso Montero. Serán, a bo seguro, magníficas e interesantes leccións, para seguir e recordar.
Esta homenaxe servirá para que o mundo, e mesmamente as persoas de orixe galega ou que viven en Galicia, saiban da nosa riqueza musical, da súa diversidade e das investigacións sobre a mesma. O Cancioneiro Popular Galego de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina, promovido pola Fundación Barrié, é unha das obras senlleiras que debemos coñecer e difundir.
A Música, a poesía e a cultura popular son como a memoria cantada do pobo que traballa, que soña, que respecta o pasado e mira para o futuro. “Son, como di a Tía Manuela, alicerces fundamentais da identidade colectiva”. Parabéns!