Benvido

Benvido Xoan Carlos, así sen máis, sen outras consideracións. Non vou ser eu quen xulgue ou lle dea consellos a un rei. Despois de dous anos exiliado en Abu Dabi alédome de que estea de novo en España, na nosa terra onde lle están a facer sentidos homenaxes, concretamente na vila de Sanxenxo.

Aos que están a esixir xustiza quérolles recordar todo o bo que este home fixo polo noso país. Non era doado loitar contra a oposición franquista, empeñada en continuar coa ditadura. Que pensen asemade na súa situación persoal, 84 anos e mobilidade reducida, despois de aturar a chamada Transición, o 23 F cando lle dixo a Miláns, ¡tendreis que fusilarme!, e a Xefatura do Estado durante case catro décadas. No fondo as criticas van contra a Monarquía. Admítense as distintas opinións, o que non é de recibo é o asañamento con un home que tanto fixo polo seu país.

No que se refire á súa situación política actual con respecto á Monarquía, el mellor que ninguén saberá o que ten que facer, e farao sen dúbida en algún momento, cando o considere oportuno.

Benvido pois maxestade e feliz estancia na súa patria. Por riba das impresentables descualificacións e insultos que está a sufrir, eu e comigo millóns de españois desexariamos que ficara con nós para sempre.

O luns 23, despois dunha controvertida e imprescindible xuntanza familiar na Zarzuela, a que foi súa residencia durante o seu reinado, volverá ao seu desterro nos Emiratos Árabes. Estou seguro que desta xuntanza privada xurdirá un bo entendemento entre pai e fillo, e mesmo co resto da familia, coa Monarquía como nexo de unión entre todos eles.

Sei que virá de novo no mes de xuño para defender o título da Copa do Mundo da Clase 6M. Oxalá que desta volta sexa para quedarse.

Actualmente, regularizada a súa situación fiscal, non hai motivos para que, quen foi xefe do Estado durante tanto tempo, non poida vivir libremente no seu país.

PD.- Gústame rememorar que coincidín co entón Príncipe de España na Escola Naval de Marín, nunca esquecerei a súa afabilidade e a súa bonhomía naqueles difíciles anos da ditadura.

Benvido

Te puede interesar