Cambios?

ste martes pasado, xornada de champions, un vello amigo preguntábame pola miña saúde postoperatoria. Contesteille que me atopaba moi ben, tanto que estaba nun bareto vendo o Barça contra o Stade Brestois. El, que é moi barcelonista, facía o mesmo o que non lle impedía comentarme que tanto fútbol embrutece. É posible, díxenlle, mais aos meus setenta e tal anos iso xa non vai acontecer. O curioso do caso é que ao día seguinte xogou o Real Madrid contra o Liverpool e, por volta da medianoite, o meu colega mandoume unha eufórica mensaxe manifestándome o seu barcelonismo parello do seu antimadridismo, ao tempo que me solicitaba a miña opinión sobre o partido de Anfield. Perante da miña resposta de que non o vira, preguntoume polo motivo, ao que contestei que estivera vendo o Castellón-Racing e xa non tiña máis ganas de fútbol, malia que gusto do xogo do Liverpool e de escoitar o “You’ll Never Walk Alone” cantado por todos os seguidores ao comezo dos partidos. Como é sabido, trátase dun tema procedente do musical Carousel (1945), da que moito gustaba Gerry Marsden, o fundador e líder do conxunto de Liverpool Gerry and the Pacemakers -un dos grupos que eu escoitaba de adolescente-, que fixo unha versión que gravou en 1963 e que acadou o número un de éxitos. Os seguidores do Liverpool comezaron a cantala e acabou por se converter no himno do club, que, ademais, incorporou o título ao escudo. Algo semellante –iso si, de xeito moito máis voluminoso– ao que acontece no campo da Malata co tema “Ferrol”, de Los Limones, que tamén o canta o persoal con moito fervor. En definitiva, que, niveles de xogo á marxe, o mércores optei polo Castellón-Racing e non polo Liverpool-Real Madrid. E direi que, ao meu entender, o noso Racing non xogou nada mal e puido gañar a pouco que o acompañase a sorte. E non o digo só polo balón que Álvaro Giménez botou fóra ao pouco de comezar o encontro. Esas cousas pásanlle aos mellores xogadores e non ten por que pasar nada. Dígoo porque en todo momento o vin máis cerca da vitoria que ao conxunto castellonense. Vino ben en defensa, algo que sempre é fundamental para todos os equipos e máis aínda para os que están no nivel xeral do Racing e carecen de capacidade goleadora. Recordo aquilo de que a mellor defensa é un bo ataque, que se dicía da selección brasileira que gañou con total solvencia o mundial de México 70. Podíanche marcar un, mais que problema había se ti metías cinco. Nada que ver co Racing actual, ao que lle custa facer goles. Por iso o prioritario é defender ben e o outro xa virá. O día do Levante -que, polo que estaba a ver, me daba o corpo de que ían gañar- notei unha melloría bastante substancial no que se refere á armazón do equipo. Son consciente de que non é nada doado conxuntar un plantel do que marcharon varias pezas claves do ano anterior e por iso mesmo entendo que as présas para atopar solucións aos fallos poden resultar perigosas. Hai que lle dar tempo ao tempo, e a estas alturas hai tempo para case todo. Estou convencido de que a mellor solución é confiar en que Cristóbal Parralo, Javier Manjarín e os seus compañeiros de corpo técnico saberán levar o equipo a postos afastados do perigo de descenso.

Cambios?

Te puede interesar