Coñecín a Eva, á que logo sería a miña muller durante 56 anos no 1960, o día 15 de agosto, no peirao de Ferrol. Recordo que había festa na Graña e os dous estabamos a coller a lancha que nos levaba alí. Ela tiña dezaoito anos, eu vinte e catro. Foi a primeira, e tamén a única, noiva que tiven.
Despois de catro anos de noivado, a miúdo interrompido polas miñas obrigas na Armada, casamos en San Julian, a Concatedral de Ferrol, o 17 de xuño do ano 1964.
Un ano máis tarde naceu a nosa primeira filla á que, como non podía ser doutro xeito puxémoslle Eva, como súa nai. Logo viñeron María Dolores e Patricia, todas tres nos primeiros catro anos de matrimonio.
Agás unha tempada en Cádiz, sempre vivimos en Ferrol, primeiro na rúa Comandante Fontán, e logo na avenida de Vigo ata que me concederon unha vivenda nas casas da Mariña de Caranza.
A vida transcorreu sen grandes atrancos, as fillas cos seus estudos, no instituto e na universidade e nós, Eva e máis eu, mantendo unha relación con altos e baixos, penso que como todos os matrimonios, que nunca se rompeu.
Só a morte foi quen de separarnos cumpríndose o compromiso bíblico contraído o día da nosa voda.
Tivemos asemade catro fermosas netas, as xemelgas Cecilia e Candela, Xulia e Hanna. Como podedes ver, toda a miña vida estiven arrodeado de mulleres.
A todos nos deixou orfos Eva despois de sobrevivir a un ictus que lle dou no 2018. Dende entón vivo só, illado, no meu piso de Caranza. Coa axuda das miñas irmás, fillas e netas voume apañando día a día.
O que levo peor é a soidade, que aos meus moitos anos non é doada de aturar. Despois destes catro anos, aínda non me afago a súa ausencia recordándoa tódolos días de Deus.
Non en balde foron máis de sesenta xuntos.
¡Eva, onde queira que vaias, os teus nunca te esqueceremos!
Eva, Toto, Patri, Chen, Cande, Juli e Hanna.