Levamos vinte días de guerra dende o principio da invasión e, malia os intentos de mediación, non se lle ve o final. Os mísiles están a caer preto do consulado dos EEUU. Mesmo semella unha provocación.
Putin ameaza con represalias aos países que lle impoñen restricións ao mesmo tempo que pide armas a China para apoio da invasión de Ucrania.
Non podemos esquecer que China: É o país máis poboado do mundo con 1400M de habitantes. A primeira potencia económica mundial. (Posiblemente).-A forza militar máis grande do mundo. (Posiblemente). Dispón de armas nucleares recoñecidas. Rusos e chinos manteñen excelentes relacións. Dalgún xeito son potencias complementarias. As xuntanzas Putin-Xi Ping son frecuentes. Teñen asemade intereses e inimigos en común así como amplas relacións comerciais.
¿Son estes dous, e o mesmo Joe Biden, 49º presidente dos EEUU, conscientes de que están a piques de provocar un desastre mundial?.
A tensión internacional non para de medrar, penso que so a intervención dos países non belixerantes e unha gran dose de sentido común, pode evitar o desastre que se aveciña. Non se me oculta que o principal inconveniente para elo son os intereses creados. Uns e outros teñen que chegar ao convencemento de que non hai maior nin mellor interese que a paz entre todas as nacións.
O título deste apunte faime pensar si non é Ucrania soamente un pretexto para desencadear a guerra entre estas dúas superpotencias co gallo de acadar a supremacía mundial. Mentres exista esta bipolarización, a ameaza está servida. Con toda seguridade estalará unha guerra máis cedo ou máis tarde. Non sei quen será o gañador, nin sequera sei se haberá un gañador, do que si estou certo é de que o perdedor será toda a humanidade con centos de millóns de vítimas inocentes.
En outra orde de cousas, disque as armas as carga o demo e é ben certo. Mentres algúns países teñan armas nucleares, existe o risco de que as empreguen que é o que pode suceder no caso dunha conflagración mundial coas consecuencias, urbi et orbi, ben coñecidas. De feito, Vladimir Putin xa amagou coa utilización do arsenal nuclear ruso, seica o máis grande do mundo.
Actualmente a humanidade enteira, preto dos 8.000M de habitantes, estamos expostos aos erros, loucuras e prepotencias duns poucos iluminados. É necesario e urxente buscar e atopar solucións para rematar con esta situación e para elo non hai outra que insistir no desarme nuclear. Non abonda con controlar, limitar e reducir os arsenais nucleares, é necesaria a súa eliminación total como esixe o Tratado de Prohibición de Armas Nucleares ((TPAN), en vigor dende o 22 de xaneiro do 2021.
Dende Hiroshima e Nagasaki, agosto 1945, nunca estivemos tan preto dunha ameaza nuclear como hoxe en dia. Para máis inri, seica o potencial nuclear de Rusia multiplicouse por 3.800 dende aquelas datas. E aquí remato por hoxe, que a situación xa e arrepiante dabondo sen necesidade de remoer máis nela.