Admiro a planificación concentrada das obras de arte e dos traballos artísticos. A mesura e o equilibrio do deseño calculado dun proxecto ou dunha solución habitacional, onde todo importa, todo ten medida e nada pode ser froito do azar. Somos consecuencia de sucesivas series de sociedades, que foron aportando voces e solucións a cada un dos problemas, e apartando conflitos. Somos tamén resultado da convivencia secular entre diversos e desiguais, salpementados por capítulos coas alternancias clásicas de brutalidade e/ou sentidiño. Vivimos na normalidade pacífica da discrepancia que, como tantas outras cousas, son consecuencia da aprendizaxe, tralos tensos combates ideolóxicos, e dos diversos graos de desencanto que quedan tras o asentamento da crúa realidade, e que acabaron consolidándose en estratos, de diverso grosor e tonalidade, pero creando chan firme . Sempre foi así, despois das tormentas sempre chega a calma e sempre sae o sol por Antequera. Por iso me chirrían as improvisacións. Por ser obstinacións volitivas non identificadas, froito dun momento ou dunha afectación moi particular. Evidentemente, non son resultado dunha acción programada e secuenciada con definición de obxectivos e contidos. Pero perseguen unha actuación de comando contra a xeneralidade baseándose, unicamente, na súa debilitada posición no taboleiro de xogo. Feijóo é un exemplo nato desta técnica da improvisación. Non sabe que facer con tanto tempo para tentar -inutilmente- formar goberno, que nin sequera se lle da por tratar, minimamente, de traballar para facelo posible. Muda de postura, non defende programa algún e actúa de forma sempre improvisada, sen reflexión nin cálculo, seguindo a dirección do vento dominante. Condicionado polas declaracións excesivas, do excesivo Aznar, convoca unha manifestación contra a oposición, en lugar de estar intentando ser goberno. Lanza unha mensaxe de debilidade e de opción fracasada. Está descubrindo que non ten anclaxe, apoio, nin saída; que inevitablemente, todo sucederá sen el.
En ti habita a tenrura emocionada e conmovida dos outonos...