Das excentricidades

non sei se é unha das consecuencias inesperadas do quecemento global. Ou unha influencia non desexada das vagas de calor que nos golpean. Pero o caso é que asistimos, asombrados, a un carrusel de excentricidades, tomaduras de pelo e variopintas tomas de decisión, que, cando menos, resultan difíciles de explicar. Non é nin medio normal que países como Dinamarca, con tradición, formación e historia, permita a queima de libros, sexan sagrados ou non. Accións dese tipo fan lembrar épocas de totalitarismos e violencias innecesarias, con noites de cristais rotos, ás que non queremos volver. Trump xa ten ficha con foto –e non é nun campo de golf– onde nunca se supón que un Presidente dos EEUU, debera de tela. Iso si, sen perder a oportunidade de facer da necesidade virtude, para seguir sumando e recadando, que hai moito equipo xurídico que pagar. Non é doado de entender que un antisistema, só se as cousas non lle saen a favor, como é Trump na actualidade, sexa aclamado por unha parte importante da sociedade dun país, que segue a liderar o mundo, en lugar de ser rexeitado poñas súas excentricidades, ameazas e exabruptos. Semellara o actor principal dunha comedia de enredo. No noso país, seguen os movementos para tentar formar goberno. O PP abomina de Junts, pero quere pactar con eles. E tamén utiliza máis esas estratexias do trumpismo, de descualificar os resultados e declararse como única forza constitucional. Como se os demais estiveran fóra da nosa lei marco. Poñer a venda antes da ferida, non augura que as cousas lle pinten ben. O colmo xa é chamar ao transfuguismo, nun claro exercicio implícito de impotencia. Quedaría o tema de Rubiales, do seu relato mentiroso, e do seu rancio machismo, abuso e prepotencia. Só merece a inhabilitación e o cese fulminante.


Sentirte é un retablo de afectos que existe e permanece...

Das excentricidades

Te puede interesar