Dez de marzo

Os que vivimos moi de pertiño fisicamente aquela crueldade dun réxime agónico, pero cada vez máis sádico, queremos en primeiro lugar darlle as grazas a Amador e Daniel e aos feridos nos corpos e na dignidade. Únome persoalmente a aquelas familias que, invisibilizadas, aínda lles sangran as feridas porque non recibiron de ninguén un alento de vida, de reparación e petición de perdón. Toda a miña admiración para cantos pasastes polo cárcere e para os familiares que tivestes que sufrir xuízos de toda inxustiza con acusacións falsas para condenarvos ab initio contra todo dereito, só para manter un sistema esperpéntico e absolutamente malvado. Para o pobo de Ferrolterra e á cidadanía galega daqueles tempos, grazas. E para os que vos vides incorporando de novo, por lei de vida, que aprendades que a historia verdadeira da familia de sangue, da tribo e da comunidade, ademais de coñecela e estudala con alma corazón e vida, non podemos permitir nunca o esquecemento, nin terxiversación malévola e maliciosa porque é unha Historia Sagrada do Nós Colectivo, onde se pon en risco a supervivencia común e a dignidade de todos, incluso dos que se equivocaron de boa fe. No escudo da Galiza da inspiración de Castelao hai unha frase que nos identifica e compromete: denantes mortos que escravos. Teño diante un libriño editado pola “Memoria Histórica”: “A ditadura de Franco segou a vida de más de 900 homes e mulleres nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal”. Veredicto da Historia, a día de hoxe, 10 de marzo de 2024:  Culpábeis! E así se faga saber ás xeracións actuais. E así se ensine, sen falsidades, en todos os ámbitos formativos do universo enteiro. E retírense ou invisibilicen todos os signos de exaltación ás persoas que maliciosamente participaron na masacre. Ánimo, compañeiras e compañeiros! Que en calquera campo onde nos movamos manteñamos sempre acesa a luz da verdade, do amor, do recoñecemento e da reparación. “E dime o corazón que collidos das mans, coas mans de todos, faremos un camiño na noite e algún día venceremos.” 
 

Dez de marzo

Te puede interesar