Dezasete de agosto: Día da Galicia mártir

Ti eres lume vivo, acesa chama,
roita irreversíbel de futuro; potente trebón que berra e crama,
¡home do pobo, asoballado e puro!
(Manuel María, Lembranza de Alexandre Bóveda)

 

O acreditado narrador, poeta e xornalista Xosé Fernández Ferreiro, membro fundador do grupo Brais Pinto e autor da novela  Agosto do 36, sostén que “En Galiza non houbo guerra civil, só unha terríbel represión”.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, inmortalizou simbolicamente nas estampas dos seus álbumes Galiza mártir(1937), Atila en Galiza(1937) e Milicianos(1938), a todas as vítimas da represión fascista en Galiza durante a guerra civil. 


Certamente, o réxime instaurado polos vencedores do alzamento militar insurxente de 1936 emprendeu, como acción sistemática e metódica, unha represión brutal contra  as persoas que se manifestaban a prol dos dereitos fundamentais e liberdades públicas.


Hoxe conmemoramos o 88º aniversario do fusilamento de Xaime Quintanilla Martínez, ex alcalde e concelleiro do concello de Ferrol, persoa excepcional pola súa integridade, rectitude moral e extraordinario traballo a prol das liberdades, da convivencia democrática e do progreso de Galiza. Asemade, na mesma data do 17 de agosto de 1936, foi fusilado o mestre de A Graña Xoán García Niebla, un dos ensinantes de máis fonda pegada polo seu labor de pedagogo na zona de Ferrolterra. Unha xornada tráxica  na nosa terra, que acabou tamén coa vida de  Alexandre Bóveda, fundador do Partido Galeguista, executado en A Caeira-Poio despois dun fraudulento proceso xudicial. 


A Irmandade Galega de Arxentina,  presidida por Castelao, decidiu instituír o día 17 de agosto, aniversario da  morte de Bóveda,  como Día da  Galiza Mártir.


A conmemoración desta data é unha boa oportunidade para achegármonos a Canido e visitar o Monumento “Pétalos do pasado”,  de Manuel Patinha, en homenaxe ás 904 vítimas do franquismo en Ferrolterra, Eume e Ortegal. Para testemuñar que,  oitenta e oito anos despois, seguen vivos, reafirmando o triunfo dos bos e xenerosos sobre os ignorantes, férridos, duros, imbéciles e escuros. 


No Día da Galiza Mártir pregoamos que non enterraron cadáveres, enterraron semente de democracia, de liberdades individuais e colectivas e de xustiza social. De Alexandre Bóveda, de Quintanilla Martínez, de García Niebla, de Víctor Casas, de Ánxel Casal, de Camilo Díaz Baliño, de Guillermo Cedrón Gómez, de Matías Usero Torrente, de Manuel Morgado, de Xosé López Bouza, de Amada García Rodríguez, de Manuel Serantes Iglesias  e de tantas e tantos  máis, quédanos a súa morte exemplar, o seu sacrificio, o seu exemplo ético, un nome glorioso na historia de Galiza. O seu espírito segue e seguirá vivo entre nós.
Como afirmaba o inesquecíbel Antón Avilés de Taramancos “Todos os que amamos a Galiza, levaremos sempre no noso labre, como un caravel inmorredoiro, o nome de Alexandre Bóveda. Esa é a súa vitoria, ese é o noso compromiso”.

Dezasete de agosto: Día da Galicia mártir

Te puede interesar