Espazos

A semana pasada falaba da miña recente e última visita a Braga, tan reconfortante coma sempre. Porque así foi sempre nas múltiples que fixen desde hai practicamente cincuenta anos, non moito despois da Revolução dos Cravos. 


A mediados dos setenta adoitaba viaxar con frecuencia ao Porto e era habitual que me detivese en Viana do Castelo, Barcelos ou Braga, xa para xantar, xa para tomar un café ou dar unha volta de descanso da tensión de circular por aquelas estradas de adoquíns –paralelepípedos, o fermoso e culto termo usado por eles–, como ben sabemos os que tamén coñecemos eses firmes nas nosas rúas ou estradas. En días de auga, vaia perigo! 


O que me resulta curiosa, lembrándoa desde esa non curta distancia temporal, é a imaxe que tiña desas localidades, ben diferente da que teño hoxe. Barcelos ou Viana aparécenme como vilas dinámicas, con bulicio, mentres que Braga a vexo como cidade aburrida, con escasa animación, fóra da parte máis alta da Avenida da Liberdade –hoxe peonil– e na praza do mesmo nome –popularmente coñecida como a da Arcada, polo magno edificio dezaoitesco que acolle os centenarios cafés Vianna e Astória–. Había bulicio porque, entre outras cousas, alí chegaban os autobuses vindos de todas as partes. O resto, á vista de tanta igrexa –algunhas ben interesantes–, semellábame moi propio para o rezo e para pouco máis.


Tamén lle atopaba un certo ar provinciano, similar ao das nosas vilas e cidades de interior naquela altura. A iso contribuíu, non pouco, atoparme coa voda dun cento de parellas a primeira vez que subín ao Bom Jesus, inesquecíbel espectáculo de escaso gusto.


A mediados de xuño de 1979 acudín á Festa da Alegría, organizada polo PCP. O recordo que teño é dunha pequena decepción, pois o número de asistentes era moi inferior ao que eu agardaba. Alí vin actuar por vez primeira o José Jorge Letria, autor de “Abril também se fez a cantar”, un dos libros dos que falaba o outro día que mercara. Iso tamén me botaba un chisco para atrás na valoración da localidade. Ben para visitas moi de paso e pouco atractiva para estancias máis demoradas.


Logo deixei de ir con frecuencia ao Porto e, consecuentemente, a Braga e o recordo que me quedou é o que sucintamente acabo de expoñer. Recordo que cando se extenderon os programas Erasmus, para cursar parte das materias noutra Universidade, viñera falar conmigo unha alumna que quería ir un cuatrimestre á Universidade do Minho, a Braga. –Vaste aburrir coma nunca, lembro que lle dixen e decidiu mudar para Évora, que era outra alternativa. E aló foi. E pasouno moi ben. Boa foi, porque anos andados caín na conta de que, para pasar unha certa tempada, ten moitos máis atractivos Braga que Évora. 


Constateino, irrefutablemente, cando fun morar tres meses á capital miñota. Estiven tan a vontade que case me fixen un bracarense máis. Gardo gratísimos recordos, entre eles os momentos vividos no Estádio Municipal –unha curiosa construción que carece de gradas de fondo e que se atravesa dunha grada a outra por debaixo do céspede, onde tamén hai aparcamento–, con cachicol do Sporting ao pescozo, vendo xogo de primeira e aprendendo linguaxe dos siareiros, insultos ao árbitro incluídos.

Espazos

Te puede interesar