Un ser humano coma nós

Con estas palabras, pronunciadas con seguridade e rotundidade, respondeu o migrante senegalés Ibrahima Diack á pregunta, posiblemente capciosa, que o avogado dun dos acusados de ter causado a morte a Samuel Luiz lle fixo sobre se a indumentaria deste podería indicar a súa homosexualidade. Tiro estes datos da información –asinada por Lara Fernández– que o noso Diario, do pasado venres, nos ofrecía sobre a terceira sesión do xuízo pola morte violenta do mozo de orixe brasileira Samuel Luiz, que tivo lugar na madrugada do 3 de xullo de 2021 no Paseo Marítimo de Riazor.


Polo que teño lido e escoitado desde aquela, máxime no momento dos feitos e agora que comezou o xuízo, desde o principio non tiven ningunha dúbida da brutalidade dos feitos, como deixaron claro en todo instante os informes policiais e o estado do corpo do asasinado. Tamén as testemuñas directas, incluído o senegalés citado que testemuñou que, cando el e o compañeiro tentaban afastar Samuel dos agresores marchando do lugar, recibiu tamén grande cantidade de golpes, por telo agarrado.


Cómpre non pasar nin minimamente por alto, porque o tema está en primeira liña informativa, que as únicas persoas que se enfrontaron aos agresores para tentar librar dos golpes o mozo atacado foron dous migrantes, Ibrahima Diack e Magatte Ndiaye, curiosamente sen papeis, que non só se xogaron o físico senón tamén a liberdade. En vez de estar roubando ou quitándolle o traballo aos españois de verdade, alborotando ou agredindo sexualmente calquera muller –que é o que din deles as xentes da dereita extrema– estes dous seres humanos vindos de fóra atrevéronse a facer o que non fixeron os de aquí: plantar cara a unha agresiva panda, desas que en grupo fan o que por separado ningún dos seus membros ousaría facer.


O caso complícase –descoñezo en que medida unha cousa ou outra pode beneficiar ou prexudicar os acusados– coa presenza da compoñente sexual que leva aparellada. Parece máis que probado que o occiso foi alcumado de maricón, mais non o está tanto que esa circunstancia fose o desencadeante dos horrendos feitos. Mais, puido ter influído no desenvolvemento dos mesmos? En calquera caso, recordo que unha das primeiras cousas –malas, como adoita suceder– que un cativiño coma min, procedente dun recatado colexio como era o Jesús Maestro, das Discípulas de Xesús, aprendeu no Instituto Concepción Arenal foi o de “cabrón, maricón, hijo de puta” que, como unha ladaíña, lle largabas a todo aquel co que tiveras unha desavinza. Nin sabías o que era, mais o botabas, por se acaso. A min nunca me molestou o máis mínimo que mo dixesen, mais lembro que nalgunha ocasión tiven certos problemas por soltalo. E non, precisamente, polo de maricón, senón polo de fillo de puta. Hai xentes moi susceptibles. 


E non sería porque o tema da homosexualidade non estivese presente na ditadura de corte fascista gobernante naquel tempo. Os homosexuais estaban perseguidos e padecían condenas e outras cousas polo mero feito de selo. Sei por un amigo, das tremendas palizas que lle deron a un moi achegado parente seu, da alta sociedade local, por certo. A homosexualidade estimulou e estimula a violencia fascista, é evidente. 

Un ser humano coma nós

Te puede interesar