Memoria histórica e a estatua de González Llanos

O tema de fondo do pleno de Ferrol do 9 de maio non é a estatua de José María González Llanos y Caruncho no barrio de Esteiro, senón que facer cos restos do franquismo en Ferrol, que superan os corenta. Aínda temos con distincións a nove ministros na ditadura, entre outros e como Fillos Predilectos, a Juan Antonio Suanzes, Pablo Martín Alonso, Pedro Nieto Antúnez e Salvador Moreno Fernández; como Fillos Adoptivos a Jorge Vigón, Gonzalo Fernández de la Mora, Fernando Suárez de Tangil etc.


En 1981 aínda non había Lei de Memoria Histórica, pero os portavoces do PSOE (alcalde socialista Xaime Quintanilla Ulla), do PCG (Fernando Miramontes) e de Unidade Galega (Xaime Quintanilla Rico) eran unhas persoas con memoria democrática. No pleno de 2 de marzo dese ano, 10 días despois do fracasado golpe de Estado do 23 de febreiro, coñecían perfectamente que González-Llanos foi director de Bazán, fundador de Astano e Fenya etc, pero esa primeira corporación democrática, que non actuaba con revanchismo, senón reivindicando verdade, xustiza e reparación coas máis de mil persoas asasinadas en Ferrol polo fascismo en 1936, acordaba cambiar o nome de 61 rúas relacionadas coa sublevación militar e fascista do 18 de xullo de 1936 e coa ditadura.


Entre outras, retiraban as rúas de participantes nesa sublevación: González- Llanos (hoxe Circunvalación), Salvador Moreno (hoxe Irmandiños), Luis Carrero Blanco (Castelao), General Mola (Carmen), General Aranda (Sol), Almirante Fernández Martín (Eduardo Pondal), Almirante Vierna (San Francisco), General Franco (Real). Eran estes dirixentes políticos uns “insensatos”? Criticou algunha vez o PSOE a actuación do seu alcalde? A acta dese pleno recolle a oposición da dereita a ese cambio de rúas e referíndose a González-Llanos manifestaba Ramón de Vicente: “Se pretende eliminar del nomenclátor el nombre de un hijo predilecto de El Ferrol, el nombre de un hombre, que tanto ha hecho por elevar el nivel de los hijos de la comarca, creando miles de puestos de trabajo, generando mucha riqueza para El Ferrol”. Pero o alcalde socialista mantívose firme ante esta presión.


Foi equivocada a decisión do pleno de Ferrol de 24 de setembro de 2009, presidido polo socialista Vicente Irisarri, que solicitaba ao goberno a retirada dos nomes de golpistas e franquistas das rúas do Arsenal? Foi equivocado o acordo do pleno de 25 de abril de 2019, presidido por Jorge Suárez, de “revisar as distincións honoríficas outorgadas durante a ditadura franquista co fin de anular as que teñan vinculación con este réxime”?

Despois de aprobarse a Lei de Memoria Histórica, a ministra socialista Carmen Chacón aprobaba unha Orde en decembro de 2009 para a “retirada de militares e acciones de guerra” en dependencias militares. E cambiaron o nome de rúas, cuarteis, residencias e retiraban o nome de Castillo de Olite, buque da armada sublevada afundido pola escuadra republicana. Queda moito por facer e a Armada mantén hoxe na igrexa de San Francisco unha placa de homenaxe ao Cruceiro Baleares. O pasado 17 de marzo, despois de reiteradas peticións da corporación de Ferrol, o ministerio de Defensa retiraba do Arsenal as rúas relacionadas coa ditadura, entre elas a de González-Llanos.


González Llanos súmase á sublevación fascista e embarca como capitán de corbeta no cruceiro Canarias o 7 de agosto de 1936, desembarcando o 7 de novembro dese ano, habilitado como capitán de navío, e regresando ao seu posto de director da Sociedad Española de Construcción Naval. A súa participación no Canarias é silenciada, pero o concello de Mijas lembraba esta batalla e no pleno de febreiro de 2018 aprobaba por unanimidade (PSOE, PP e Cs) a colocación dunha placa no litoral en La Cala de Mijas, inaugurada en xuño dese ano, con este texto: “El ayuntamiento de Mijas en memoría de la tripulación del destructor Almirante Ferrándiz, buque de la II República Española. Fue hundido el 29 de septiembre de 1936 por el crucero Canarias, sublevado contra el gobierno democrático. Murieron entre 98 y 102 tripulantes. Diecisiete supervivientes fueron fusilados en San Fernando (Cádiz) el 1 de enero de 1937”.


Como militar, González Llanos tiña a Medalla de la Campaña de Marruecos, Cruz y Placa de San Hermenegildo, etc. Recibiu tamén a Medalla de la Batalla 1936-1939, unha condecoración outorgada entre os anos 1938 e 1939 polo goberno de Franco (Decreto 192 de 26 de xaneiro de 1937), que se entregaba para recompensar intervencións en operacións bélicas ou servizos. Tiña esa mesma medalla Gabriel Pita Pita da Veiga, Almirante en 1972 e ministro de Mariña desde xuño de 1973, cando presidía o consello de ministros o almirante Luis Carrero Blanco, até 1977. O 8 de abril de 1977 legalizábase o Partido Comunista de España e presentaba a súa dimisión tres días despois. Tamén recibía González Llanos no pleno de Ferrol de 17 de abril de 1943, sendo alcalde Eduardo Balleste, a Medalla de Prata da Cidade, o mesmo que os ministros da ditadura Alfonso Peña Boeuf e José Ibáñez Martín.


A estatua de González-Llanos en Esteiro ten no pedestal, entre outras inscricións: “La Marina a su Contralmirante”. Consegue esa graduación en 1958, é dicir, estamos a falar dun Contralmirante da Marina franquista, unha “exaltación persoal da sublevación militar, da Guerra Civil” que, segundo o artigo 15 da Lei de Memoria Histórica, as Administracións públicas deberían retirar.


E remato lembrando a intervención de Paloma Rodríguez, ferrolá e deputada socialista, no Congreso o 17 de xuño de 2015: “Ferrol é unha cidade que aspira a converterse en Patrimonio da Humanidade. Este patrimonio que debe ser visible para a poboación e para os visitantes, non pode persistir en honrar coa denominación das súas rúas en el Arsenal [entre elas estaba a de González Llanos] a quen traizoaron a vontade do pobo e a legalidade”. Eses visitantes non deberían contemplar hoxe unha estatua de exaltación da sublevación militar, dedicada a un contralmirante da Armada fascista.

Memoria histórica e a estatua de González Llanos

Te puede interesar