O pastor, pastoreando

Andan os pastores pastoreando os rabaños, cada un o seu, con máis ou menos reses, de tamaño, de aparencia, de raza e de costumes diferentes. A maioría son ovellas e os que as pastorean son de Asovega (Asociación de Criadores da Raza Ovella Galega), amantes do asociacionismo, defensores da produción de carne feita con pastos de Galicia e procurando recuperar e fortalecer a raza Ovella Galega, para “levala ao lugar que se merece como patrimonio xenético e cultural da nosa comunidade”.


Os pastores son testemuñas vivas dunha parte da cultura popular e da ciencia que se crea e se desenvolve nun país. Son paisanos que vixían e controlan os montes, o nacemento das árbores, o espertar da vexetación,  os camiños e os cortalumes. Son desas persoas que ven medrar as herbas e escoitan os seus diálogos coa natureza. Iso si, están ferozmente en contra dos lobos e resístense a entender que se diten e aproben normas para protexelos.


O seu cometido principal, o dos pegureiros galegos, é defender, promocionar, coidar e vender para os festexos ovellas de boa raza, daquelas que noutros tempos eran as veceiras, en rabaños comunitarios e atendidas polos veciños, segundo as quendas acordadas. Aquelas ovellas, xunto coas cabras, comían nos montes altos, naqueles lugares aos que lle era difícil achegarse o gando vacún.


Coas vacas pastoreábanse ás ovellas nos vales e nas concas dos ríos grandes e pequenos. A explotación duns animais complementaba á explotación doutros. Todo era pouco e o que máis se acumulaba no curral da casa de calquera labrego ou gandeiro era a escaseza. Os nenos, pícaros e rapaces gardaban as vacas e as ovellas, alindábanas  no prado, nas searas de restreba e na serra, antes e despois de ir á escola.


E, hoxe, quen pastorea ás ovellas? Hai poucos que o fagan e tamén é difícil levar as ovellas polo carreiro. O pastoreo está en decadencia total e absoluta. Queda o pastor eléctrico e no caso dos fieis que buscan orientación, a onde poderán ir? A Tía Manuela, igual que un amigo que foi algún tempo cura, e agora é outra cousa, pensa que a liberdade e os dereitos dos individuos, de calquera especie ou xénero, contradín a intencionalidade do guiador da rabañada. Pero aínda así, o pastor está obrigado a seguir pastoreando.
E, a Cabra Galega? Esta raza caprina formouse e explotase en Galicia. Está integrada por individuos dispersos polas terras montañosas de Lugo e Ourense, por onde andan as cabras e os castróns buscándose a vida e compartindo as uces, as follas de bidueiro e os toxos verdes, de flor amarela e con carrachas. Temos dúas razas galegas de cans, o Quisquelo ou coelleiro, para a caza, e o Can de palleiro, para gardar a casa e as bacas amigas súas, as Cachenas, Caldelás, Frieiresas, Limiás e Vienesas. Tódalas vacas pacendo en tódolos prados, para orgullo de todos nós.

O pastor, pastoreando

Te puede interesar