“Prinses Mia”

É o nome dun barco, un veleiro que recalou hai uns días en Mugardos repetindo a visita que nos fixera o ano pasado. Chama a atención a súa presenza colorista, pintado ao máis puro estilo hippy, o mesmo que o seu bote auxiliar. Vese antigo, pero fermoso, e é de bandeira dos Países Baixos. Os seus dezaseis metros de eslora e cinco de manga é o espazo natural onde vive o seu único tripulante, un navegante solitario, e isto é realmente o que a min me chamou a atención. Sempre tiven por uns heroes aos navegantes solitarios, eses que se enfrontan á inmensidade do océano tan só na compaña da súa propia soidade deixándose levar  polos ventos e resolvendo sobre a marcha as dificultades que se poidan presentar, que se presentan, nesas longas singraduras que emprenden. Son auténticos, xenuínos nautas. Atopeime co navegante solitario no paseo marítimo: chegou ao peirao na súa chalupa cunha bolsa negra con desperdicios xerados a bordo que axiña depositou nun contedor: exemplo cívico de responsabilidade co medio ambiente, e logo botouse a camiñar con paso lixeiro como para se desentumecer, pois a vida a bordo con tan pouco espazo non dá oportunidade de exercitar a deambulación. Saudoume cun leve movemento da súa man e inclinando a cabeza. Ao pouco subiu á súa canoa colorista e foise para o seu barco. E eu pensei como sería a súa vida abordo mergullado nas súas reflexións, sen falar con ninguén, tomando as súas propias decisións sendo patrón e mariñeiro ao mesmo tempo. Crearase na mente do navegante solitario un problema de relación ao non ter frecuentemente contacto coa xente? O traballo para o navegante solitario no barco require ter a mente moi esperta e todo baixo control, pois calquera erro pode dar ao traste coa seguridade do barco e, xa que logo, coa súa propia. Terá tempo a pensar noutras cousas que non sexan mesmo da navegación cando vai ao temón? Eu, que tiven un veleiro e naveguei por aquí, vivín en primeira persoa o pracer que supón navegar a vela, e podo imaxinar o que é penetrar na inmensidade do mar vendo só ceo e auga sen descubrir terra firme e sen que ninguén te estorbe ou te condicione. Débese un sentir como o centro do universo. Por iso admiro tanto a estes navegantes solitarios como o do “Prinses Mia”, donos de si mesmos, toda a tripulación na mesma persoa, donos absolutos do tempo e case sempre alleos aos avatares da vida na terra.


Por iso, admirado navegante solitario do “Prinses Mia”, deséxoche felices singraduras por eses mares ás veces procelosos e outras pracenteiros, e se volves a achegarte por Mugardos, malia sentirte tamén solitario na terra, que saibas que es ben recibido. 

“Prinses Mia”

Te puede interesar