Se houbese necesidade de definir a estas tres rapazas galegas o mesmo abondaría con dicir que son unhas cantareiras dunha nova época e que están de viva actualidade por seren unha das catorce candidatas para representar a España no próximo festival de Eurovisión cunha canción, “Terra”, en galego, malia teren denantes na súa faldriqueira traballos importantes no panorama da música popular galega.
Confeso que dende hai un tempo, moito, non sento ningún interese polo Festival de Eurovisión pois, segundo o meu parecer, converteuse nun festival más próximo a unha representación circense ao deixar a música paso á espectacularidade tecnolóxica e ao atrezzo dos participantes , converténdoo nun mero espectáculo audiovisual onde priva máis os alardes de producción que o que debera ser a súa propia esencia : a música.
Pero dito isto ben está que Tanxugueiras estean nomeadas como candidatas a participaren nese histriónico e histérico festival sen que por iso haxa que se rachar a vestimenta. A min paréceme estupendo que nese espectáculo festivo se cante en galego pero a outros evidentemente non, expondo falaces argumentos como que alí estase representando a España. Curiosamente son os que non se cansan de repetir que Galicia é España: ¿entón en que quedamos, “lumbreras”?. Imaxino que son os mesmos que aplaudiron coas orellas cando Rosa “de España” participou con aquela canción titulada “Europe´s living a celebration”. Para estes políglotas ilustrados o inglés quedaba moi ben para representar aos “españoles, mucho españoles”.
Houbo un tempo que o que puido ser non foi: cando Serrat dixo que ir ía a Eurovisión pero cantando “La,la,la” en catalán e...non foi. Lembro que no ano 1964 , no Festival do Mediterráneo, gañou unha canción en catalán “Se´n Va Anar” interpretada por Salomé e Raimon, si Raimon, o cantante “protesta” que con aquilo din que lle meteu un gol ao franquismo. A realidade foi que a canción foi elixida por votación popular e os cataláns mobilizáronse.
A finais de xaneiro terá lugar o Benidorm Fest onde un xurado “profesional” e a audiencia elixirán a canción que representará a España en Eurovisión. Se a audiencia galega se mobiliza Tanxugueiras terán posibilidades. Así funciona e móvese o cotarro.
A única condición para que eu faga de tripas corazón e estea pendente dese remedo musical chamado Festival de Eurovisión é que Tanxugueiras estean alí cantando así de ben, como elas saben, en galego “Terra”, a súa, a nosa.