Agora mesmo a polémica está servida coa dúbida de si teremos terceira guerra mundial ou non. Eu pola miña parte, vexo ao persoal en xeral, moi optimista e pouco concienciado co problema. Non quero ser agoireiro pero penso que nunca estivemos tan preto dela. Non sei si Putin está enfermo, que é o que se argumenta hoxe, semella que como xustificación aos seus crimes, ou si soamente está tolo. O que está ben claro e que el, xunto cos seus seareiros, non é posible que un so home sexa capaz de rematar coa civilización, está levando o mundo a unha situación límite, cada vez máis complicada e perigosa.
Quero pensar de acordo coa maioría que non haberá terceira conflagración mundial desta volta pero, do que si estou convencido é de que, máis cedo ou máis tarde, dadas as circunstancias, e a condición humana, o mundo está abocado a unha traxedia da que é posible que non sobreviva. É ben certo que as armas as carga o demo, so é preciso un iluminado que prema un botón. Segundo Putin, sempre ameazante, Rusia dispón de armas capaces de arrasar o estado de Texas, cunha superficie maior que a de España e a miles de quilómetros de distancia, no outro lado do Atlántico.
Noutro orden de cousas, a pesares do optimismo do que falaba antes, estase poñendo de moda a construción de bunkers cuns prezos seica por riba do millón de euros. Precaución inútil ao meu xuízo porque o problema non é soamente a guerra en si, senón as súas consecuencias, capitaneadas pola fame.
Fronte a este optimismo, conformista e suicida de algúns, os gobernantes e as nacións, no mundo enteiro, en vez de tanta ameaza, deberían de buscar e atopar fórmulas de entendemento, empezando polo desarme nuclear, que é o primeiro paso para elo.
Abonda xa de tanta sangue, van xa máis de dous meses de guerra, miles de mortos, entre eles moitos nenos, cidades arrasadas, oito millóns de desprazados e unha sensación crecente de inseguridade.
Os principais países do mundo impoñendo restricións a Rusia e subministrando armas a Ucrania. É este o bon camiño? China, cunha postura pouco clara, a velas vir, racaneando, por dicilo dalgún xeito.
Cos cartos que leva costado a guerra de Ucrania, todas as inútiles guerras do mundo, se remataba toda a fame que están a padecer millóns de seres humanos inocentes