Ferrol está baixo mínimos e non só no número de habitantes que, por certo, está a baixar tódolos anos. O panorama no centro non pode ser máis desacougante, comercios pechados, bares vacíos e rúas solitarias e tristeiras. Onde vai aquela rúa Real da miña xuventude chea de xente paseando arriba e abaixo entre Amboage e a Praza de Armas. ¡Cantos noivados, logo matrimonios, se forxaron alí!. Aqueles si que eran tempos.
Gran parte da culpa desta situación a ten o tráfico tan complicado no centro da cidade onde aparcar é unha misión tan imposible como cabréante. Eu vivo en Caranza e por esta razón apenas vou a Ferrol, aparcar o coche no centro, é chorar.
A quen corresponda tócalle estudar, e solucionar, o problema establecendo no perímetro formado pola rúa da Igrexa, Praza de España, Peirao de Curuxeiras e rúa do Sol o maior número de aparcamentos posible pensando na comodidade tanto de peóns como de automobilistas. Ao final deste apunte presento unha posible reorganización do tráfico que, ao meu xuízo melloraría a situación actual. Parte da solución é a regulación dos tempos pois hai quen, unha vez acadada unha praza non move o coche en todo o mes por medo a perdela. E así estamos, pagando xustos por pecadores, sen sacar proveito algún dos impostos que pagamos puntualmente ao Concello, e mesmo das multas que, a pouco que te despistes te “encaloman” os axentes municipais que entón si aparecen, saíndo de algures.
Por riba do Concello e dos concelleiros, comercios, bares e a titulo individual todos nós, temos a obriga de colaborar na busca de solucións, poñendo os medios necesarios para acadar unha animación e ledicia nas rúas, que hoxe non existe.
Así que alcalde e concelleiro de tráfico aplíquense. Pidan toda a colaboración que precisen, empezando polo Goberno, a Xunta e a cidade da Coruña que, como capital da provincia, tamén pode axudar. Non se trata de aumentar o número multas e prohibicións senón de mellorar unha situación cada vez máis difícil de aturar polos cidadáns.
O lema ¡Érguete Ferrol! Que subtitula este apunte podería ser o punto de partida. Unha cidade como a nosa, que alberga institucións tan importantes como a Armada e Navantia, ten razóns dabondo para dar a imaxe leda e cantareira que é a que lle cumpre.
Proposta de reorganización do tráfico: Clasificar o tráfico en lixeiro e pesado en función do peso e o volume dos vehículos. Restablecer o tráfico e o aparcamento de vehículos lixeiros en toda a rúa Magdalena así como nas rúas Maria e Sol en toda a súa lonxitude, nos sentidos correspondentes. A zona peonal quedaría reducida as rúas Real, Galiano e Dolores nos tramos comprendidos entre as prazas de España e de Amboage. Cambio mensual de beirarrúa, (pares / impares). Recuperar o tráfico lixeiro e o aparcamento en superficie na Praza de España, en concordancia coas rúas anteriores. Establecer en toda a cidade unha velocidade máxima de 30 Km/hora. Potenciar, todo o posible, o número de aparcamentos subterráneos. Prohibir o tráfico pesado polo centro da cidade. O concelleiro de tráfico ten a derradeira palabra.