Foi un insulto en toda regra para os seareiros españois, un oprobio para aqueles que aínda crían que no fútbol existían certos valores que teñen que ver coa dignidade e o respecto: unha vaga ilusión para as mentes inxenuas. Xa quedou demostrado que no fútbol profesional nada diso existe e que onde haxa diñeiro o resto das cousas quedan absolutamente relegadas, afundidas no desleixo.
Pero a quen se lle ocorre levar unha competición nacional a un país estranxeiro, a Arabia Saudita? Pois moi simple: a aqueles que só buscan cartos sen importarlle un comino de onde saen, neste caso dunha satrapía onde os dereitos humanos andan polo chan e, como o petróleo da para moito, pretenden un descarado lavado de cara deportivo para tratar de ocultar as barbaridades que se cometen acotío nese país. E seguindo a praxe de que “o ouro negro lava mais branco” decidiron contratar a persoeiros como Ronaldo, Benzema ou Neymar, por alá tamén andou Xavi Hernández, para que lle dean con forza ao algodón e as súas contas correntes crezan como a escuma. E que dicir do noso Rafael Nadal, nomeado embaixador deportivo para que, cando se lle presente oportunidade, proclame aos catro ventos que naquel país só se ve avance e prosperidade. Ai Rafiña, Rafiña!
Porque imos ver: tal e como andan as cousas, se ao sultán Salman bin Abdulaziz se lle ocorre organizar unha copa –“trofeo Abdulaziz”– e para iso contrata ao Barça e ao Real Madrid pagándolles unha pasta gansa vale, pero levar a aquel país a Supercopa de España resulta o colmo do despropósito, o insulto máis descarado duns dirixentes que toman a afección como o pito dun sereno. Parece ser que o actual contrato se estende ata o ano 2029 e o vixente presidente da Federación Española de Fútbol, o noso paisano señor Louzán, pretende prorrogalo cinco anos máis a razón de trinta millóns de euros ao ano e... Viva o viño!, ata o 2034 que é cando terá lugar o Mundial no territorio saudita. E todo isto sen ter en conta o conculcados que están naquel país os dereitos humanos, que a muller siga sendo un cero a esquerda, que nun só día, como aconteceu no ano 2022, se levara a cabo unha execución colectiva de 81 condenados, que haxa decenas de xornalistas detidos, etcétera. Nada disto importa aos nosos dirixentes diante do poder ignominioso dos petrodólares. Éche o que hai.
A fin de contas, e tal é como está o patio, quedo co que alguén dixo: o fútbol é a menos importante das cousas menos importantes. Así que, que lle dean á Supercopa! Pois iso.