Turismo de masas

Acaba a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao de amosar a súa alegría polo incremento dos cruceiros que amarran en Ferrol. Resulta entendible, porque para eles todo isto representa xestión, tráfico e, obviamente, pago de taxas ao porto. Levan máis de vinte e seis cruceiros e máis de vinte mil turistas. O obxectivo é duplicar os números do ano pasado.


Pero, desde o punto de vista da cidadanía, cal é a achega deste turismo de masas a Ferrol? Sabemos que veñen coa viaxe, as excursións e o peto pechados, que non teñen maior pretensión na nosa cidade, no noso patrimonio nin moito menos no coñecemento da comarca. No mellor dos casos, os que quedan non pasan da praza de España, de tomar un café na Madalena ou de mercar unhas sandalias.


Sabemos, tamén, que estamos ante un modelo esgotado. Só hai que mirar estes días a televisión para ver a invasión de coñecidos destinos turísticos. Así que resulta entendible que na nosa cidade haxa inquietude sumada ao malestar pola proliferación desoutro, depredador e excluínte, que representan os pisos turísticos. Igual, ao mellor, sería pensar que tipo de turismo queremos antes de que sexa tarde e até onde e como queremos crecer. Que ninguén esqueza que Ferrol son as súas xentes.

Turismo de masas

Te puede interesar