Ucranía

Non sei eu si estamos, como se oe falar, ante un novo Hitler. Do que si estou certo é de que temos diante un megalómano que, coa súa teima da gran Rusia, anda a remexer o mundo. Despois da invasión de Ucraína (Ucrania segundo o Xerais da lingua), seguen as ameazas aos países limítrofes, que están a acoller aos refuxiados ucraínos É consciente este home de que coa súa actitude está poñendo en perigo a estabilidade mundial?

Ten en contra a opinión da maioría de países e institucións do mundo civilizado. Mesmo no seu propio país estanse a celebrar acotío manifestacións en contra da guerra. Soamente China, coa súa abstención, semella non condenar a agresión o que é, ao meu xuízo, bastante preocupante. Non esquezamos que China cos seus 1.400 M de habitantes é hoxe en dia a primeira potencia mundial, penso que por riba dos EEUU de América.

A situación non pode ser máis desacougante, perdas de vidas humanas, millóns de desprazados, cos nenos como vítimas principais, con orfanatos e garderías bombardeadas. Perdas materiais multimillonarias, ataques a cidades, instalacións militares e edificios civís. ¡A quen se lle ocorre empregar mísiles contra a poboación indefensa!. E por riba as perdas económicas en todo o mundo.

Semella que cada certo tempo ten que aparecer no mundo un iluminado que poña en perigo a paz entre os pobos. A piques de cumprirse un século dende o final da segunda guerra mundial, estamos en perigo de provocar a terceira coas catastróficas consecuencias que levaría consigo. Tense falado hai tempo de que unha nova conflagración mundial, dado o potencial destrutivo do armamento actual, podería significar o fin da humanidade.

A comunidade de nacións que está en contra da invasión e da guerra en Ucrania estuda sancións a impoñer a Rusia apartándoa das organizacións políticas, económicas e mesmo deportivas que rexen no resto do mundo. Non perdamos de vista que isto pode ser unha arma de dobre fío en forma de contra sancións. Non esquezamos o subministro ruso de gas e de petróleo a Europa.

Dialogue sr. Zelensky, dialogo e aplicación do menos común dos sentidos. Non hai outra solución mellor.

Para rematar unha reflexión: Hai uns días recibín no móbil un Whats App que viña a dicir que as guerras as argallan e gobernan os adultos pero que en elas quen morre e a xente nova. Non é este un bo momento para que os xoves tomen as rendas e se rebelen contra un estado de cousas que tanto lles prexudica?


Ucranía

Te puede interesar