Como xa vos comentei andei polo sur co gallo de presentar en Jerez de la Frontera, onde a editorial Peripecias Libros ten a súa sede, o meu libro Cartas a Michi. Dende o confinamento e... despois. Denantes, dende Rota, naveguei por esa fermosa baía nun catamarán ata Cádiz nunha mañá primaveral. Chegar a Cádiz refórzase a opinión de que sería agradable vivir nesa cidade, coas súas rúas estreitas (a unha chámanlle Rúa Ancha porque debe ser a única), as prazas arboradas e, como non, a historia que atesoura.
Cádiz e unha cidade que invita a desfrutala. Cando alí cheguei aínda coleaba o Carnaval, algo consubstancial a esa cidade que vive ese evento cunha intensidade fora do común. Certo que o concurso no Teatro Falla xa tivera lugar, pero as agrupacións andaban polas rúas e prazas ofrecendo os seus mordaces e satíricos repertorios. Un amigo dicíame que era moi interesante ver e escoitar as agrupacións que chaman “ilegais” non porque o sexan senón porque forman parte das que non se presentan a concurso e van “por libre”. A idea que eu tiña do Carnaval cambiou radicalmente logo de observar de que vai a cousa sobre o terreo: foi para min unha agradable sorpresa.
Eu pensaba que o Carnaval en Cádiz era puro “cachondeo”, unha troula multitudinaria e desaforada, pero non era así. Certo que había algarabía polas rúas con moita xente disfrazada, pero o Carnaval alí tómano moi en serio. Foi un pracer para min escoitar aos “cuartetos” (chámanlle así malia que sexa un dúo ou un quinteto) e sorprendeume a calidade dos textos e o xeito de representalos. Eu, que nunca fun seareiro destas festas, de súpeto comecei a ter interese porque dinme de conta que non estaba diante dun Carnaval calquera, que aquilo era outra cousa, algo que a xente de Cádiz leva no seu sangue. En cada recuncho das rúas había un “cuarteto” cantando e contando as súas historias.
Dicíame meu amigo que aos que somos foráneos resúltanos difícil entender o que os textos representan porque xeralmente refírense a cousas locais que a xente que non é de Cádiz no coñece e xa que logo é preciso entrar no miolo dos asuntos tratados. Aparte dos “ilegais” os coros que participaron no concurso do “Teatro Falla”, subidos nunhas bateas remolcadas por tractores, daban voltas a unha praza ofrecendo tamén os seus repertorios mentres os espectadores aplaudían con entusiasmo. Moita xente que non ía disfrazada levaba as meixelas pintadas con barra de beizos.
Isto parece ser provén dos tempos de prohibición cando o franquismo non permitía os disfraces e entón a xente pintábase coloretes nas meixelas, como os dos pallasos, e esa era a súa torpe e mínima indumentaria, o seu disfrace para participar na grande festa. Para min foi toda unha edificante experiencia. Abofé.