Viaxar co Imserso

Se algún dos meus amables lectores pensan que vou aproveitar esta “Mirada” para poñer a caldo as viaxes do Imserso, mellor que deixe de ler porque non vai ser así. Rosi e mais eu sempre estivemos afeitos a viaxar individualmente, prescindindo na medida do posible das viaxes en grupo, pero unha vez achegados á idade regulamentada decidimos probar a viaxar co Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso) co gallo de ver como ía iso. E teño que dicir que a experiencia, en liñas xerais, foi positiva, tanto que repetimos un par de veces sen que a nosa opinión variase un chisco. A cousa consiste en poñerse no asunto aparcando os prexuízos e pensar que neste tipo de viaxes colectivos soen aparecer pequenas deficiencias que hai que lidar con boa predisposición e bo humor. Isto non o ven algúns que soen protestaren por todo ou case todo indo máis aló da oferta.


Hai viaxes á Península e ás illas cuxos importes soen andaren entre os 160 ou 400 euros en estancias que van dende os oito aos dez días todo incluído: viaxes en avión e estancia en hoteis de tres ou catro estrelas en pensión completa. Verdade é que a algún hotel pode que lle caera un luceiro, pero tampouco iso é tan importante con tal de que haxa certa comodidade e limpeza, cousa que en liñas xerais non soe faltar. Bufé amplo e xeneroso na súa maior parte malia que cociñar para máis de duascentas persoas (no hotel coinciden varios grupos) con menús variados non é nada doado. Así e todo sempre hai alguén que protesta. O mesmo quererían un menú degustación de Ferrán Adriá, ho! Unha parella a nosa beira, en Palma, queixábase do hotel e a comida quizais considerando que a cousa non estaba a súa altura, coitadiños! A algúns escorrégaselles  o cu da almofada.


Para aclarar un pouco todo isto é importante irmos a uns números sinxelos, sen entrar en máis consideracións, que habelas hainas. Debemos ter en conta que o importe da nosa viaxe non o paga íntegro o viaxeiro, non, o Estado pon a súa parte. Do importe global dunha viaxe, o usuario paga un 78% e o Estado o 22%, xa que logo en parte somos invitados polo Estado nestas mini-vacacións. Calquera que analice isto con certa ponderación chegará á conclusión que a relación calidade-prezo é boa independentemente das consabidas arelas dos que aspiran a un “standing” máis esixente pagando o que se paga. 


Non sei se as viaxes do Imserso terán proxección no futuro, se os presupostos chegarán para manter unha mobilidade viaxeira que de non ser por este sistema moita xente non tería, incluídos os que protestan, ho!. Sempre haberá xente para todo.

Viaxar co Imserso

Te puede interesar

Nieves Abarca
Enrique Barrera Beitia
Xoán Rubia
Nieves Abarca
Enrique Barrera Beitia
Xoán Rubia