O galego, unha lingua que fina e tamén para finar na comarca do Ortegal

O historiador Gerónimo Martínez e o filólogo Bernardo Penabade impulsaron un pormenorizado estudo sobre a presenza do idioma nos camposantos de Ortigueira e Cerdido
O galego, unha lingua que fina e tamén para finar na comarca do Ortegal
Epitafio en Devesos I G.M.

Hai uns días o Instituto Galego de Estatística (IGE) publicaba os resultados da súa “Enquisa estrutural a fogares, coñecemento e uso do idioma galego”, uns datos que puxeron de manifesto que a porcentaxe de persoas que se comunican sempre en castelán supera xa, en cinco puntos, aos que o fan en galego –29,2% fronte a un 24%–. Por iso, traballos como o impulsado polo historiador Gerónimo Martínez e o filólogo Bernardo Penabade sobre a presenza do galego nos cemiterios de Ortigueira e Cerdido cobra se cabe máis importancia para comprender a situación da lingua materna da Comunidade. 


Nesta peculiar iniciativa tamén tomaron parte Xosé María Torres, de Terras de Ortegal; Juan Jesús Permui, da Devesana; Martín Caínzos, da Asociación Nordés; Óscar García, autor do primeiro epitafio en galego no cemiterio de Couzadoiro; a antropóloga Ana Durán e o dinamizador cultural Santiago Rodríguez.


“Decidimos poñer este proxecto en marcha a mediados de xullo, aínda que a idea levaba na cociña moito tempo”, explica Martínez. “Despois de dárlle un pouco á cabeza, entre Bernado e mais eu determinamos  comezar por Loiba e despois fomos facendo o resto de camposantos”, apunta, en relación ao estudo levado a cabo nos cemiterios das 20 parroquias de Ortigueira. “Do mesmo modo que se fixeron traballos noutros ámbitos sobre o uso do galego a nivel comercial ou na escola, decidimos poñer o foco nas inscricións nos nichos. Sabemos que non é o tema máis agradable”, bromea Gerónimo.


O obxectivo principal do traballo foi facer un reconto de cantas familias empregaron o galego como idioma para esa derradeira inscrición. “Ortigueira ten moitos cemiterios, polo que tivemos que empregar varias xornadas para que non se nos escapasen moitos datos e ter unha panorámica máis detallada. Fomos esquina por esquina comprobando as inscricións, cunha aplicación do móbil para facer o reconto. Anotamos cantas había en castelán, cantas en galego, se había algunha noutros idiomas ou aquelas que estaban baleiras”, especifica o historiador. 

 

19.  San Claudio. María Dolores Albo Abadín
Inscrición en San Claudio I G.M.

 

“A segunda volta empezámola a finais de agosto e levounos un par de semanas, porque o traballo que nos dá de comer é outro”, sostén Martínez, que engade que “a vantaxe que tivemos é que, para contactar con esas familias que decidiron empregar o galego, foinos doado ao seren do noso concello. Porque o obxectivo non soamente era facer un reconto, sacar unhas porcentaxes e uns números, senón tamén poñer en evidencia a evolución cara a un maior uso do galego e saber por que, contactando coas familias, se decide usar cando non había antecedentes”, indica o historiador.

 

Cambio cultural

Deste traballo de campo, realizado coa metodoloxía Modelo Burela, despréndese que até hai relativamente pouco tempo o idioma galego non era usado para redactar epitafios –o estudo abarca medio século, dende 1972 a 2024–. 


Foi nese primeiro ano, na parroquia de Devesos, onde un mestre recén titulado decidiu colocar o primeiro escrito en galego.


Así pois, tralas primeiras conclusións, a maior porcentaxe de uso atópase no camposanto de San Salvador de Couzadoiro, onde alcanza case un 6% do total. Pola súa banda, Loiba tamén conta con estas inscricións, chegando a primeira da man do escritor Tucho Calvo en 1986 e sitúanse na actualidade nun 5%. En San Claudio foi outro autor, Manuel López Foxo, o pioneiro (1989), estando repartido agora o galego por todo o recinto.

 

Parroquias ortigueira
 

 


En Santa Marta de Ortigueira (Requeixo) o primeiro epitafio en galego data de 1992 e, o segundo, de 2005 –neste caso, dun turista que quixo repousar no lugar onde pasaba as vacacións–. O total ascende neste camposanto a sete lápidas.


Nesta peregrinaxe investigadora quedou patente, ademais, que en cinco das parroquias de Ortigueira existen recordatorios escritos en diferentes linguas estranxeiras, tales como inglés, francés ou alemán –mais ningunha en galego–.


Agora, os resultados deste traballo foron expostos a través da mostra fotográfica “Palabra e Memoria nas parroquias de Ortigueira”, que chegou a finais do mes de setembro á Sociedade de Instrución A Devesana. Tal e como comenta Gerónimo Martínez, a intención é que esta exposición chegase a máis puntos do territorio, algo que se cumpriu o pasado 20 de outubro coa súa inauguración, ás 12.45 horas, en Couzadoiro.

 

Presentacion exposicion Couzadoiro epitafios
G.M.

 

O caso cerdidense

Este proxecto chegou tamén ao municipio de Cerdido grazas á colaboración de Santiago Rodríguez. “Neste caso o traballo non está rematado ao 100%, xa que moitos nichos están pechados cun cristal e non se pode acceder a eles para mover as flores e comprobar as inscricións”, apunta. Pese a iso, cunha “precisión dun 95%”, explica que nas tres parroquias de Cerdido analizáronse 2.496 nichos, nos cales se identificaron 26 lápidas con presenza da lingua galega

 

Lapidas cerdido
 


Como curiosidade, e máis alá do galego, apunta á existencia dunha lápida en francés no cemiterio dos Casás. “Trátase dun matrimonio que faleceu, xunto á súa filla de 20 meses, no 1973,  nun accidente de tráfico en Palencia. Hai placas neses dous idiomas dos compañeiros de traballo e da empresa Cartier"

 

Lapidas parroquia os casas 6
Adicatoria en francés na parroquia dos Casás I S.R.

 

Consello da Cultura Galega

O pasado 15 de outubro o Consello da Cultura Galega (CCG) abordou na XXVI edición dos Encontros para a Normalización Lingüística –baixo o título “Vivir e perdurar na nosa lingua”– a importancia do idioma escollido para os ritos funerarios de distintas confesións relixiosas, a súa pegada cultural e atropolóxica e a relación con ese momento a través da lingua materna da Comunidade. A iniciativa estivo organizada polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) co apoio da Secretaría Xeral da Lingua.

20241015 XXVIEncontros BernardoPenabade RosarioAlvarez ValentinGarcia AnaIglesias DSC9249
 Bernardo Penabade, Rosario Alvarez, Valentín García e Ana Iglesias I CCG

O galego, unha lingua que fina e tamén para finar na comarca do Ortegal

Te puede interesar