O deputado do BNG Mon Fernández reclamou no Parlamento galego a posta en marcha dun plan de actuación para rexenerar a praia da Concha, en Espasante (Ortigueira), co obxectivo de recuperar o perfil orixinario do areal sen afectar “aquilo que a día de hoxe teña valor ecolóxico e mereza ser protexido”. A formación denuncia a inacción da Xunta ante as peticións de solucións por parte da veciñanza ante a acumulación de area que se está a dar na zona.
Na iniciativa dos nacionalistas recórdase que as obras realizadas entre a década dos 80 e os 90 mudaron “de xeito radical” a morfoloxía do paseo marítimo e da praia, “interrompendo o fluxo natural dos sedimentos, esencial para a estabilidade do areal”.
Mon Férnandez sostivo que a rexeneración da Concha “debería ser unha prioridade do goberno galego”, despois de que a construcción do porto e do dique “non tivesen en consideración as posibles afectacións negativas no litoral”. Neste sentido, explicou que o BNG pediu a Portos de Galicia a documentación destas construccións e criticou que entre a facilitada “non estivese un informe da Subdirección Xeral de Costas, do Ministerio de Obras públicas, que informaba favorablemente do proxecto e que dicía que se debía realizar un plan de seguimento da evolución da praia”.
As obras, apunta o BNG, provocaron a modificación das dinámicas naturais da contorna, especialmente das correntes mariñas e do xeito no que se acumula a area na praia, “producíndose unha distribución anómala” da mesma, case desaparecendo da zona máis afastada do dique e concentrándose na máis próxima, “dando lugar a unha duna que antes non existía”.
Ante esta aparición, a entidade veciñal de Espasante –coa que os nacionalistas mantiveron un encontro o pasado mes de setembro para coñecer a situación de primeira man– reclamoulle á Xunta información sobre posibles actuacións, así como a rexeneración da praia.
“Está claro que a día de hoxe debería facerse un novo estudo da situación e unha proposta adaptada ás circunstancias, que non deixan de variar polo efecto das correntes mariñas”, expuso o deputado nacionalista na Cámara galega.