Os Cantos de Taberna volven con artesanías e máis tradición á zona vella de Pontedeume

A sétima edición reunirá máis de 150 músicos durante as xornadas do 23 e 24 de maio
Os Cantos de Taberna volven con artesanías e máis tradición á zona vella de Pontedeume
Unha das convocatorias anteriores do encontro | EMILIO CORTIZAS

Unha das portadas máis icónicas de The Beatles serve de inspiración ao cartel dos VII Cantos de Taberna de Pontedeume, elaborado por Ana Rodríguez, integrante da asociación Airiños do Eume, que organiza o evento en colaboración co Concello. A través desta reinterpretación faise unha clara referencia á cultura popular galega, que se celebra e promociona a través deste encontro que terá lugar nos días 23 e 24 de maio.


As rúas e tabernas da vila énchense dende 2017 con esta convocatoria, que na primeira xornada se inaugurará co son de pezas tradicionais interpretadas en itinerancia polos músicos máis novos. Ao mesmo tempo, o grupo Os Feroces da Galgueira, procedentes das Pontes, amenizará a zona vella para que non quede ningún recuncho sen música, realizando outro percorrido ao remate das actividades do día.


Antes, a partir das 20.00 horas, a Alameda de Raxoi acollerá unha mostra do traballo das escolas Airiños do Eume e posteriormente unha actuación de Cé Orquestra Pantasma, que vén  presentar, dende Vigo, un espectáculo dirixido a todas as idades.


Ao día seguinte, a programación abrirase coa feira de artesanía na Alameda, onde os asistentes poderán atopar produtos tradicionais. Nesta ocasión, os cantos repartiranse en dous pases definidos: o primeiro, de 12.00 a 15.00 horas, e o segundo, de 19.00 a 21.00. Entre ambas quendas, no mesmo parque, prepararase un xantar para os grupos participantes e máis para quen se queira achegar.


Como xa é habitual nestas citas, o concurso de agarrados marcará o remate das actividades, que se despiden finalmente con concertos. As encargadas de poñer o broche de ouro serán as destacadas agrupacións Faíscas da Pontraga e Zurrumalla

Os Cantos de Taberna volven con artesanías e máis tradición á zona vella de Pontedeume

Te puede interesar