O libro “A Revolução dos cravos pretos” preséntase nunha data tan axeitada como é este xoves, día 25 de abril, ás 19.30 horas no Centro Cívico de Canido. A localización tampouco é casual, xa que os autores da obra, Xoán Francisco López e Rafael Aguirrebengoa teñen unha relación estreita co barrio e coa asociación sociocultural Muiño do Vento, que foi a encargada de editar o exemplar.
“Queremos popularizar que foi un proceso moito máis longo do que parece e, por desgraza, con máis vítimas do que a xente pensa”, indica o coautor Xoán López. Trátase dunha visión dirixida aos lectores da toda a comunidade, xa que aínda que recompila diversos textos portugueses, estes preséntanse en galego.
O título ten que ver co punto de partida do texto, que fai un percorrido desde o ano 1961 en Goa e polas guerras africanas como as de Angola, Mozambique ou Guinea Bissau, até chegar á realidade do réxime ditatorial portugués. Así pois, os autores pretenden realizar unha homenaxe a todas as persoas desas colonias que pelexaron pola súa autodeterminación. “Consideramos que as liberdades do Portugal actual e o fin do salazarismo lle deben moito á loita deses movementos africanos, que era xente «preta», é dicir, negra”, lembra Xoán López.
Deste xeito, os coautores cambian o concepto tradicional dos caraveis vermellos, que se adoitan asociar con esta revolución grazas a Celeste Caeiro, a muller de orixe galego que repartiu as flores naquela data sinalada. Non obstante, os creadores tratan de divulgar que o proceso comezou con anterioridade. Así mesmo, Xoán López sostén que o salazarismo non se propuxo chegar a ningún acordo para obter unhas independencias pactadas e sen derramamento de sangue.
Esta ausencia implicou consecuencias para o territorio luso continental, que o autor, historiador de formación, describe como “desestabilización e disgusto dos militares por non ter unha saída”, e que desencadearon no golpe de Estado do 25 de abril de 1974. O acontecemento deu paso a “un proceso revolucionario de dous anos, nos que case se produce unha guerra civil, e ao final apróbase unha constitución en 1976, que é a que rexe na actualidade en Portugal”, resume López.
Aparte do relato histórico, que tamén inclúe unha segunda parte co sucedido nos días da revolución e as distintas etapas preconstitucionais, o exemplar recolle varios anexos onde explican aspectos máis concretos como a situación das mulleres, as loitas sindicais ou a PIDE, que era a policía secreta dese tempo. Por outra banda, unha das novidades que achega a obra é un estudo do tratamento informativo que fixeron os xornais galegos da época.
A circunstancia de que se cumpran 50 anos daquel sinalado 25 de abril “é importante porque xa hai un prazo de tempo suficiente para que haxa unha visión menos partidaria e máis científica”, manifesta López.
Ademais, o investigador advertiu da pertinencia de que exista, para o público galego, unha información o máis exhaustiva posible do que acontece en Portugal, ao ser un país que comparte numerosos trazos con Galicia. “Moitas veces as separacións políticas solapan as igualdades máis culturais”, aclara o autor, que mantén a idea de que os territorios se inflúen mutuamente.
O proceso de creación constituíu un traballo de dous anos no que os autores foron recompilando información de textos, a maior parte na lingua nai. Segundo o autor, existe unha gran cantidade de datos de acceso sinxelo a través da rede, e incluso gratuíto, que foron de proveito para o estudo e poden selo tamén para os interesados no tema. En concreto, López recomenda a Associaçao 25 de Abril e o fondo documental da Universidade de Coimbra. A pesar da simplicidade para atopar a documentación, “non é fácil facer un compendio e sintetizar”, explica Xoán López.
Neste sentido, destacou as capacidades de Aguirrebengoa para investigar de forma rigorosa. “É unha persoa moi preparada, que ten unha biblioteca con case 60 mil libros”, exemplifica o coautor. Así mesmo, Xoán Francisco López sinalou o seu agradecemento á editoral de Muíño do Vento por posibilitar a creación deste libro de forma altruísta, xa que “moitas veces os libros non son rendibles, pero a asociación valorou que, fora ou non, era algo que merecía a pena”, indica o investigador.